parlamento galego

BNG acusa ao PP de estar máis cerca da patronal do xogo que da saúde pública e o interese xeral

Luís Bará  propuxo  un programa para a  prevención, sensibilización e educación dirixido á mocidade e ámbito escolar e medidas  para a  detección e tratamento de ludopatías.

O nacionalista reclamou incluír no Proxecto de Lei do Xogo un acordo coas federacións deportivas galegas e clubes para eliminar  anuncios, publicidade e patrocinios de empresas do sector

O deputado do BNG, Luís Bará instou ao goberno galego a elaborar “un estudo” sobre “recadación e fiscalidade” das casas de apostas, salas de xogo e máquinas de xogo na hostalería acompañado dun programa de prevención, sensibilización e educación dirixido á mocidade e ámbito escolar así como  medidas para detección e tratamento das ludopatías.

No debate da proposición non de lei nacionalista, celebrado na comisión 1º no Parlamento galego, Bará tamén reclamou incluír no Proxecto de Lei do Xogo “un acordo” coas federacións deportivas galegas e clubes para eliminar  os anuncios, publicidade e patrocinios de empresas do xogo nas súas actividades.

Conexións do PP coa patronal do xogo

O deputado lembrou  que o  pasado 29 de outubro o presidente da Xunta participou no acto de apertura do VII Encontro das empresas do xogo,  loubando o  xogo como “unha actividade importante, responsábel, ordenada e que xera riqueza”.

Segundo o comunicado feito público pola asociación organizadora, AGEO, o vicepresidente da Xunta comprometeuse a estudar a fiscalidade do sector, a respecto da demanda das empresas para reducir o 50% a taxa fiscal até decembro de 2021. Nun artigo publicado posteriormente  na prensa, proseguiu Bará,  o presidente da Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO), Serafín Portas  indicou que “a administración escoitounos,  e destacounos  como empresarios exemplares na creación de riqueza e emprego en Galiza e, así mesmo, recoñeceu o noso traballo establecendo estritos protocolos sanitarios e de control para garantir a seguridade dos nosos clientes”. No mesmo artigo, o representante da patronal do xogo referiuse  ao anteproxecto de Lei do xogo de Galiza, actualmente en tramitación, facendo  constar que “non fan falta máis medidas de control das xa existentes e temos claro que un dispositivo de control para as máquinas B en hostalería sería un ataque directo aos nosos negocios”.

Para o deputado do BNG as presións da patronal do xogo sobre o PP  provocaron as diferentes modificacións do proxecto de lei.  Vostedes, dixo, “están coa patronal e no BNG estamos cos colectivos  que defenden a saúde pública  e o interese xeral”.

A portavoz popular, Paula Prado presentou  unha emenda ao texto nacionalista que o deputado do BNG non aceptou por considerar que mudaba o contido da proposta e non aportaba “nada novo”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG