O BNG acusa ao Goberno de Feixóo de executar unha estratexia desmantelamento dos hospitais comarcais

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado considera que Verín non se pecha forma parte “da historia de dignidade colectiva” de Galiza, exemplo de defensa da sanidade pública

O empeño do PP de recortar servizos no Hospital de Verín non é un caso illado senón que se trata dunha estratexia do Goberno de Feixóo para desmantelar os hospitais comarcais ao longo de todo o país, desde o Barbanza, pasando polo Salnés, A Mariña ou ás comarcas de Monterrei ou Valdeorras.

“Minguaron os hospitais comarcais e eliminaron as áreas sanitarias propias nas que estaban inxeridas, porque a súa estratexia é convertelos en apéndices dos grandes centros hospitalarios nos que van concentrando servizos e recursos. Todos os pasos que dan é para subordinar a atención primaria e os hospitais comarcais aos grandes hospitais”, denunciou a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, na súa réplica á comparecencia do conselleiro Jesús Vázquez Almuíña.

Para a deputada nacionalista, o PP creou un problema recortando servizos nos hospitais comarcais seguindo a súa folla de ruta, como fixeron pechando a sala de partos e a atención pediátrica no Hospital de Verín, e cando se ven obrigados a rectificar pola presión da veciñanza “pretenden vir como salvadores”, ironizou.

Prado salientou que  o movemento social Verín non se pecha “xa está incorporada á historia de Galiza como unha mostra máis de dignidade colectiva, onde a veciñanza con 63 días de peche deu un exemplo de como defender unha sanidade pública de calidade, un orgullo de resistencia en defensa do que é de todos e todas”.

Neste sentido, a portavoz de sanidade lembrou que este domingo día 9 de febreiro Santiago acolle unha nova manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, “e milleiros de galegos e galegas van volver saír ás rúas para esixir unha sanidade pública de calidade” e, ante esta mobilización social, “é inútil que o PP pretenda impoñer un pin sanitario de censura, resulta igualmente inútil que intente amordazar aos traballadores e traballadoras da sanidade e inútil que pretendan ocultar a realidade porque xa non enganan a case ninguén.”

A modo de exemplo desa estratexia de desmantelar os hospitais comarcais, Prado denunciou que todos teñen cadros de persoal insuficientes, e citou o Hospital do Salnés “infradotado en persoal, que xa naceu con menor capacidade da necesaria e arrastra un déficit en servizos como enfermaría e celadores”.

Tamén denunciou que a posta en marcha dos hospitais comarcais veu seguida do peche doutros servizos, como da casa do mar no caso da EOXI do Salnés. Ao mesmo tempo recortaron probas diagnósticas e servizos obrigando a unha parte da poboación a desprazarse a Pontevedra, e tamén eliminaron servizos como o de almacén, informática ou recursos humanos, cita previa non funciona pola tarde e limitaron as estancias en resonancias. “Recortaron sen parar no Salnés”, recalcou.

Igualmente, criticou que tras anos de reclamación a ambulancia medicalizada aprobada para o Salnés “é de rebaixa é cun técnico menos, o que resulta  un problema, e ademais eliminaron unha ambulancia de doce horas que había en Vilagarcía. O PP aposta por servizo low-cost nos hospitais comarcais”, sentenciou.

Citou tamén aos hospitais comarcais do Barbanza e da Mariña. No primeiro caso, “aínda non está rematado o servizo de urxencias, o persoal especialista está no Hospital de Compostela e van ao Barbanza de visita, de vez en cando, cada día un profesional diferente esa é a realidade”, explicou.

“Listas de espera en traumatoloxía, despois da primeira consulta poden tardar un ano, derivacións continuas a Santiago, persoas maiores con familiares que non teñen medios económicos nin medios para poder estar acompañantes, pero non queren dimensionar os hospitais comarcais para atender a poboación de referencia”, enumerou Prado.

Falta de equidade na atención sanitaria

Verín, con centos de derivacións ao Ourense e moitas persoas maiores non van a facer as consultas que lle corresponde. Ademais, afondou, desde que se inaugurou a hospitalización a domicilio cun médico e unha enfermeira de luns a venres en horario de oficina na comarca do Valdeorras, falta de xefatura de servizo de medicina interna,  “e vostede mentres tanto vivindo de anuncios e de titulares de prensa.

Prado tamén citou carencias no Hospital de Monforte, “sen cardiólogo desde fai anos”, e do Hospital na Mariña, “onde os prematuros son derivados a Lugo, entre outros servizos que tamén faltan como rehabilitación”.

O BNG traslada unha serie de propostas para corrixir esta estratexia de desmantelamento dos centros hospitalarios comarcais. Empezando por restituír as EOXIs, dotalas de xerencias con capacidade de xestión, que se respecte as competencias e se dote de medios os hospitais comarcais. Igualmente, que se retire o consentimento reforzado que se pide no Hospital de Verín ao igual que a instrución interna pola que se pretende censurar aos profesionais.

Prado concluíu salientando que a sanidade é terceira causa de preocupación para os galegos e as galegas, e que minguar os hospitais comarcais “afasta a atención sanitaria da poboación, provocando unha menor equidade de tal xeito que e as zonas rurais e das vilas teñen peor atención que poboación urbana”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG