parlamento galego

BNG acada un acordo unánime para repoñer “de inmediato” o número habitual do persoal sanitario no centro de Saúde de Ribeira

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez tamén denunciou as deficiencias do Hospital do Barbanza e reclamou a PP un compromiso real coa sanidade pública da comarca

A iniciativa do BNG defendida pola deputada Rosana Pérez e aprobada por unanimidade reclamaba repoñer “de maneira inmediata” o número habitual do persoal sanitario, reforzar o cadro de persoal ante as necesidades derivadas da pandemia, substituír as baixas do persoal e buscar, “sen dilación” alternativas a falta de espazo no centro no que atinxe ao PAC.

Na defensa da iniciativa nacionalista, aprobada por todos os grupos parlamentarios, a deputada do BNG insistiu na necesidade dunha asistencia sanitaria de calidade o que sitúa aos centros de saúde,  na porta de entrada  do sistema sanitario. Actualmente, esa atención é telefónica e a poboación desta comarca “non está atendida como debera”, sentenciou.

Por outra parte, explicou  que no consultorio de Corrubedo, dos dous profesionais, un accedeu ás vacación “tras dous anos” polo que  a consellería decidiu trasladar a Corrubedo un dos médicos do centro de Saúde de Ribeira, un centro de saúde “xa precario” na súa dotación de facultativos/as. Neste centro é necesario que 9 médicos ou médicas atendan pola mañá e 5 pola tarde, ademais de 4 pediatras pero a realidade é que  no mes de decembro dos 9 facultativos da mañá quedaron entre 5 ou 6 e moitas veces, 3 ou 4. Na quenda da tarde dos catro pediatras só había 2 e unha delas consultando dúas tardes á semana e outra tarde cubríase cun profesional que procedía de outros centros da comarca ou do Hospital da Barbanza. Esta situación provoca que o centro de Ribeira con conte con  pediatra durante dúas tardes á semana algo que tamén se produce no centro da Pobra dende hai moito tempo. “Os nenos e nenas desta localidade están sendo atendidos no centro de Ribeira e Boiro”.

A deputada do BNG sumou á falta de facultativos “un déficit de persoal non sanitario” que engade un novo prexuízo ás persoas citadas e no caso do colectivo de enfermería, a consellería de Sanidade marcou unha directriz para que “non se cubran as ausencias”, denunciou. Neste sentido, engadiu que neste momento non está garantido que un enfermeiro ou enfermeira realice o seu labor co facultativo/a.

Deficiencias de espazo no centro

No centro de Ribeira, dixo, o recorte de persoal é “escandaloso” pero tamén hai problema “gravísimo” co espazo. Sobre esta cuestión explicou que o PAC contaba con dúas salas pero a consellería decidiu habilitar unha máis suprimindo un almacén que foi trasladado á sala de reunións do persoal. Isto é,  o que vostedes chaman “reorganización”. A nacionalista lembrou que tanto o alcalde de Ribeira como o PP en período electoral prometeron a ampliación do centro e incluso buscar un novo emprazamento pero a realidade é que continuamos cun PAC totalmente “insuficiente”.

Rosana Pérez negou as afirmacións da portavoz popular sobre o número de persoal facultativo e ironizou sobre o termo “deslizamento” utilizado polo PP para xustificar as quendas dos profesionais en diferentes centros da comarca.

Finalmente, a deputada nacionalista tamén se referiu ás deficiencias do Hospital da Barbanza e pediu un compromiso do Partido popular para paliar os recortes acumulados durante os gobernos populares. O Hospital, explicou a parlamentaria do BNG, inclúe os concellos da comarca pero tamén Porto do Son e pacientes de Lousame e “nos orzamentos do 2021 non se achegan ao investimento do goberno bipartito do ano 2009”. Rosana Pérez denuncio o estado da unidade de endoscopias do hospital e asegurou que a poboación da Barbanza denomina esta unidade como “un cortello”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG