O BNG acada un acordo no Parlamento para eliminar os puntos negros das estradas galegas

Comisión Luís Bará
Comisión Luís Bará
  • O deputado do BNG, Luís Bará reclamou “implicación” da administración galega e do  Estado ante o incremento no número de accidentes e vítimas en Galiza

A proposición non de lei defendida hoxe polo deputado do BNG, Luís Bará na comisión de Ordenación Territorial destinada a demandar do Ministerio de Fomento un plan para eliminar os puntos negros nas estradas galegas, acadou o apoio unánime das forzas da Cámara.

Na súa intervención, Bará apelou á coordinación entre a Xunta e o Estado para iniciar accións na  materia e sobre todo ante o incremento do número de accidentes e vítimas rexistrados en Galiza, derivadas  de graves deficiencias nas estradas.

O parlamentario lembrou que este ano ese incremento situouse no 16% fronte á redución producida en outros períodos. Neste sentido, dixo, ademais dos estudos realizados polo Ministerio de Fomento existen informes independentes que poñen o foco naquelas estradas estatais que concentran un maior número de accidentes  e que ano tras ano repítense na rede viaria. Galiza, encabeza este  ranking con 77 treitos con especial risco, “15 están na rede galega, e tres dos sete máis perigosos, tamén están na nosa comunidade”. Bará salientou que os puntos máis conflitivos están entre Pantón e Nogueira de Ramuín, Santiago e Lugo e  entre Caldas e Vilagarcía.

Por outra parte algunhas zonas entre Pontevedra e Redondela, Pontevedra e Ourense, Betanzos, e  diversos treitos en Lugo e Ourense supoñen centros de grande conflitividade viaria.

Para o parlamentario, a situación é o suficientemente grave como debuxa o propio informe, polo que  merece iniciar accións esixindo á administración do Estado e a Xunta  poñer en marcha as medidas necesarias para corrixir esta situación.

Luís Bará manifestou que debería ser “unha prioridade” nos Orzamentos do Estado incrementar os investimentos para resolver os treitos que conlevan risco e desa maneira,   previr a seguranza viaria en Galiza.

Finalmente, o nacionalista cualificou o apoio dos grupos á proposta do BNG como “un paso adiante” para mellorar a situación da rede de estradas galegas   de titularidade estatal e apelou á “implicación” da Xunta e o Estado para levar a bo termo o acordo unánime acadado hoxe na Cámara galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG