O BNG acada un acordo para instar ao Goberno Central a rebaixar o IVE dos produtos para persoas celíacas

daria-nepriakhina-12336-unsplash

Montse Prado destaca que existen en Galiza 25.000 persoas diagnosticadas de intolerancia ao glute, na súa maior parte mulleres

A proposta defendida pola deputada do BNG, Montse Prado, para rebaixar o IVE nos alimentos e productos dietéticos para persoas celíacas acadou o “apoio unánime” na comisión de sanidade celebrada hoxe no Parlamento galego baixo o seguinte texto:  “O parlamento de Galiza insta  á Xunta de Galiza a dirixirse ao goberno de España para que implante,  á maior brevidade posible, medidas de vantaxe fiscal para as persoas con enfermidade celíaca e erros innatos do metabolismo, ben sexa a rebaixa do IVE actual a todos os alimentos  e produtos diatéticos destinados a elas ou ben sexa calquera das alternativas expostas no estudo sobre “La situación de las personas con enfermedad celíaca en España”, elaborado por la institución del Defensor del Pueblo.

Na súa intervención, Prado  demandou o cumprimento da promesa electoral do Presidente da Xunta de reclamar do Estado unha redución do IVE nos produtos alimentarios sen glute, cuxo custe supón ate “un 200% de gasto adicional para as persoas celíacas”. O glute, dixo, está presente na maior parte dos cereais e no ano 2004 foi realizado un estudo de todos os alimentos que contiñan esta proteína así como campañas informativas para as persoas produtoras e consumidoras. Prado destacou que resulta fundamental o “diagnóstico precoz” para previr as consecuencias da inxesta desta proteína.

“Ante a falta dunha medicación concreta, o único remedio é unha dieta que exclúa totalmente o glute comprando produtos específicos o que implica un coste adicional en alimentos básicos moi importante, pois teñen un prezo desorbitado”, argumentou a portavoz de Sanidade, Montse Prado, citando a modo de exemplo o pan cun IVE do 4% que sube ao 10% en caso do pan sen glute.

“Poden gastar ao ano arredor dun 288%  que supón un mínimo de 1.040€ mais ao ano segundo informa a Federación de asociacións de persoas celíacas do Estado”, recalcou a deputada.

Prado lembrou  que  un quilo de  galletas costa un 404% máis; as madalenas, un 406% máis;  un quilo de pan ordinario ten un prezo medio de 2,11€, pero ese mesmo quilo de pan sen glute incrementa o custe nun 448%. “As diferenzas de prezos son abismais”, recalcou.

A  compra de produtos sen glute representan unha media de 30€ máis á semana e, moitas veces, nunha mesma unidade familiar conviven varias persoas afectadas  dunha intolerancia que  provoca graves consecuencias na súa saúde e un deterioro da súa calidade de vida, ademais de estar vinculada a outras doenzas. É unha intolerancia que  e afecta ao 1% da poboación e  “sobre todo as mulleres”. A cifra de afectadas en Galiza está sobre 25.000 persoas, aínda que se estima que o 80% que soportan esta intolerancia están sen diagnosticar.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG