Juventino Trigo: "Os que viñan para mudalo todo en Fene tiranse nos brazos do PP para darlle a alcaldía"

Grupo Municipal do BNG de Fene
Grupo Municipal do BNG de Fene

Desde o BNG consideramos que o PP e os concelleiros expulsados do Participación Democrática Directa de Galicia (PDDG) deberían explicarlle á veciñanza de Fene en que condicións, a cambio de que contrapartidas ocultas se fraguou o acordo entre ambos partidos para sacar adiante unha moción de censura. Do Partido Popular cabe agardar calquera cousa. Visto o visto, co nivel de corrupción e corruptelas que salpican a este partido -mesmo en Fene- e o seu desmedido interese por acceder ao poder, non debe estrañarlle a ninguén que queiran facerse coa alcaldía a costa do que sexa e de quen sexa, neste caso a muleta na que se apoia: Somos Fene.

E é precisamente a parella autodenominada Somos Fene, como parte fundamental -pero tamén máis feble- deste asalto ao poder, quen máis explicacións debe darlle á cidadanía, e en especial aos seus votantes. A cambio de que apoian ao PP? Que acordos e contrapartidas pactaron hai xa meses? Iso é o que todas e todos queremos saber. Porque, doutro xeito, non hai forma de entender como os que viñan "para mudalo todo", os que recolleron a ilusión de moita xente, agora se tiren nos brazos da dereita para que todo volva ser coma antes.

Pero en toda esta cuestión hai máis responsables que tamén deben dar explicacións. Porque o PSOE tamén ten a súa parte importante de culpa na posibilidade de que prospere a moción. Primeiro foille desleal ao pacto de goberno subscrito en 2015 e logo obstaculizou e segue obstaculizando a xestión municipal cunha oposición feroz e infundada, motivada máis por personalismo e ego que por razóns obxectivas. Representantes do grupo municipal socialista fixeron de Celestina casamenteira entre PP e Somos Fene sen tan sequera ocultalo, tal e como vimos durante os preparativos da anterior tentativa de moción. Aínda que en aparencia semellen estar á marxe de todo, o PSOE -en especial o seu voceiro, Antón Noceda- é tamén responsable do proxecto de golpe á institución municipal que se pretende dar co amparo de ditames xudiciais que, polo de agora, non son firmes.

Fene funcionou e funciona até o momento

En calquera caso, desde o BNG só podemos asegurar que, neste momento e á espera do que poida ocorrer no pleno do venres, o Goberno bipartito compartido con Esquerda Unida, traballa con normalidade e a tranquilidade que nos dá estar cumprindo co noso deber.

Seguimos sacando adiante proxectos que ou están en marcha ou se executarán en breve: reurbanización da marxe da Avenida das Pías, eliminación das verteduras en San Valentín, arranxo da rúa Ameneiral e da costa das Chancas, reparación da ribeira do Cádavo preto das vivendas de Astano, asfaltados e extensión das redes de abastecemento e saneamento en distintos puntos das parroquias, próxima apertura do punto limpo de Vilar do Colo...etc. Máis de 1 millón de euros en investimentos dunha administración saneada economicamente, que paga puntualmente as facturas e que funcionou e funciona ata o momento.

Porque, algo que nós, nin ninguén que poida vir detrás de nós debe esquecer, é que a xente nos deu a súa confianza para traballar no ben común, non para sentar no sillón e saír nas fotos cortando cintas.

Se finalmente triunfa a moción, que nós cualificamos como un asalto ás institucións e unha traizón á cidadanía, o BNG ten a intención de facer un labor de oposición serio e leal coa veciñanza. Non imos obstaculizar a acción do goberno cando se trate de cumprir coas esixencias de servizos e obras demandadas pola cidadanía, pero si exerceremos unha fiscalización rigorosa do seu funcionamento. E neste sentido tamén seguiremos de preto cuestións como a evolución do recurso presentado no seu día contra o sobreseemento provisional da denuncia formulada pola Garda Civil ao respecto da desaparición das farolas retiradas da avenida das Pías.

Chegado o momento podería darse o caso de que o novo goberno do PP se atopase cun conflito de intereses entre a conveniencia propia de que o asunto non prospere e a conveniencia da institución municipal de que se aclare definitivamente.

Agradecer as mostras de solidariedade e apoio que recibimos estes días, sobre todo para Mariela Aguilar, polos acontecementos dos últimos días.

O venres están abertas todas as posibilidades.

Tal e como ordena a xuíza do Contencioso, haberá pleno o venres, e pola nosa banda, procederemos seguindo escrupulosamente o que marca a Lei.

Nos últimos meses esta situación política auspiciada polos partidos da oposición xerou tamén un ambiente de incertidume e tensión entre a cidadanía de Fene.

Por iso, de cara á celebración do pleno, pedímoslle á veciñanza que manteña a calma e que se asuma con normalidade democrática o seu resultado final. Estamos a un ano xusto de que se volvan celebrar eleccións municipais e será daquela cando o pobo xulgue e poña a cadaquén no lugar que lle corresponde. 

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG