Apoio unánime do Parlamento para solicitar a devolución do Pazo de Meirás sen custe para Galiza

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás
Ocupación simbólica do Pazo de Meirás

O BNG critica a falta de apoio do PP ás 19 persoas denunciadas pola Fundación e pola familia Franco, precisamente por pedir esta devolución

Pontón denuncia “os pozos negros” dunha democracia que aínda non restituíu a dignidade das vítimas pero ten presos políticos

O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade, tras un proceso de transacción entre todos os grupos da Cámara, solicitar a devolución do Pazo de Meirás sen custe algún para Galiza, incorporando así a emenda presentada polo BNG, que consideraba irrenunciable para o acordo un pronunciamento en contra de indemnizar á familia Franco pola devolución do patrimonio espoliado ao pobo galego.

“A familia Franco é unha familia ocupa e xa pagamos este pazo a golpe de extorsión e co desvío de fondos públicos en plena ditadura”, denunciou no debate a portavoz nacional, Ana Pontón, polo que sería unha “aberración” calquera tipo de compensación aos herdeiros do franquismo, “unha labaza ás vítimas e a dignidade deste pobo” intolerables en democracia, argumentou.

Ademais de apoiar as iniciativas para a recuperación do Pazo de Meirás, a proposición non de lei do BNG incluía a proposta de que o Parlamento expresase o seu apoio ás 19 persoas denunciadas pola fundación e a familia Franco por participar nun acto para reclamar, precisamente, a devolución que hoxe aprobou a Cámara.

Pontón criticou que o PP vetase ese apoio ás persoas protagonistas dun acto simbólico e pacífico, “un acto de rebeldía que tivo gran repercusión, reactivou o debate social sobre a devolución e contribuíu a contarlle ao mundo a situación na que está este BIC coa conivencia da Xunta”, que mesmo ten aportado 60.000€ á Fundación Franco pola xestión das visitas, pese a ter como fin exaltar a figura dun ditador xenocida.

Por iso, a proposición do BNG tamén incluía a petición para ilegalizar a Fundación Franco, -“alguén se imaxina unha fundación Hitler xestionando visitas na residencia turística de Berghof?”, interpelaba Pontón-, así como destinar o pazo a un espazo da memoria. Todas foron rexeitadas polo PP.

A dirixente do Bloque sinalou o cambio de actitude nun partido que, ata agora, tiña vetado todas as iniciativas a favor de recuperar o patrimonio roubado, que “presumía” de non adicar un só euro ao cumprimento da lei da memoria histórica ou que como última aportación desde o Goberno do Estado foi “concederlle o ducado de Franco á sobrinísima o mesmo día da moción da censura, na vella práctica do todo atado e ben atado”.

Ademais das Torrés de Meirás, o BNG tamén reclama a devolución das esculturas do Pórtico da Gloria e da Casa Cornide, obxecto tamén dun acto simbólico por parte dun grupos de activistas, moitos militantes nacionalista, que tamén se enfronta a unha denuncia da familia Franco.

Pontón concluíu subliñanso a necesidade dunha “ruptura democrática” cun réxime que non foi capaz de acabar coa impunidade do franquismo pero que mete na cadea as persoas por defender ideas políticas, como o dereito de autodeterminación dos pobos, un réxime que pretende colocar “na parte de atrás do autobús” ás nacións sen Estado,  demostrando que ten “pozos negros” nunha democracia de “baixa calidade” na que aínda seguen sen castigo os crimes da ditadura.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG