Apoio e solidariedade dos alcaldes/as do BNG cos concellos cataláns que defenden o dereito a decidir

Alcaldesas e alcaldes do BNG asinan por #UnTempoNovo
Arquivo: Alcaldesas e alcaldes do BNG asinan por #UnTempoNovo

Nun comunicado, os alcaldes e alcaldesas do BNG, tamén  expresan a súa vontade de contribuír ao avance do pobo galego na conquista dun novo marco institucional que garanta a plena capacidade de decidir sobre o futuro de Galiza

Alcaldes e alcaldesas do BNG fan público, a través dun comunicado, o seu apoio e solidariedade cos alcaldes e alcaldesas cataláns que está a defender os dereitos democráticos do seu pobo, da súa nación e  que respectan o dereito da sociedade catalá a decidir o seu futuro.

 A súa loita é tamén a nosa loita. Estase a discutir algo máis que o dereito a decidir de Catalunya, estanse discutindo tamén os dereitos e liberdades de todas e todos nós.

Catalunya non se resignará a ser o que lle deixen ser e será  o que o pobo catalán decida. Dende os concellos galegos que representamos reiterámoslle o noso apoio e expresamos a nosa vontade de contribuírmos ao avance do pobo galego na conquista dun novo marco institucional que garanta a plena capacidade de decidir sobre os nosos asuntos, en función dos intereses do pobo galego para poder articular políticas de desenvolvemento económico, social e cultural que garantan o progreso e o benestar do conxunto da poboación.

APOIO E SOLIDARIEDADE DOS ALCALDES E ALCALDESAS DO BNG COS CONCELLOS CATALÁNS

“Queremos expresar a nosa solidariedade coa inmensa maioría de concellos cataláns que desde posicións diversas e plurais da sociedade catalá decidiron dar un paso adiante e defender a súa dignidade como pobo, defender a democracia e as urnas contra vento e marea”.

Os alcaldes e alcaldesas do BNG afirman no comunicado que, os  Concellos cataláns están dando unha lección de dignidade, de compromiso, de estar ao servizo do seu pobo, “que nós queremos resaltar e aplaudir”.

Dende os Concellos galegos que representamos, queremos expresar o noso apoio á lexitimidade das aspiracións de mudanza e superación do marco político vixente que a sociedade catalá está a demandar; e como demócratas, rexeitamos a negativa do Estado español a permitir a expresión da vontade popular catalá no referendo do 1 de outubro.

RESISTENCIA DO POBO CATALÁN CONTRA O ACOSO XUDICIAL E POLICIAL

A resistencia do pobo catalán contra toda a utilización do aparello xudicial e policial do Estado está sendo admirábel. Tamén a dos Alcaldes e Alcaldesas que non se amedrentan diante das ameazas da Fiscalía e mantéñense fieis ao compromiso co seu pobo. Un compromiso de avanzar cara un novo marco institucional baseado no exercicio da soberanía para construír un país mellor. Como demócratas estamos a favor do dereito de toda nación a poder decidir libre e democraticamente o seu futuro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG