Galegas 2016

Ana Pontón: "Vigo debe ser a capital de Galiza do I+D+i"

Acto da presentación da candidatura do BNG pola provincia de Pontevedra

A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón afirmou hoxe en Vigo, no acto de presentación da candidatura da provincia de Pontevedra que as candidaturas do BNG foron aprobadas hai un mes nun proceso “transparente e democrático” no que as bases foron as protagonistas de todo o proceso

A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón participou hoxe en Vigo no acto de presentación da candidatura pola provincia de Pontevedra no que denunciou os recortes na I+D+i polo reclamou facer de “Vigo a capital de Galiza en I+D+i” cunha universidade na que sexan creadas sinerxías entre a universidade e o sector público acompañado de todo o tecido empresarial.

Asemade, a nacionalista referiuse a Vigo como a cidade na que se produciu unha grande privatización na sanidade pública e o compromiso do BNG, neste sentido, dixo, é claro, “hai que rescatar o hospital Álvaro Cunqueiro para garantir unha sanidade equitativa así como darlle funcionalidade ao vello hospital e convertelo nun centro que atenda as necesidade da saúde”.

Ana Pontón cualifica de “triste espectáculo” a política estatal

Na súa intervención, a candidata do BNG tamén fixo alusión a situación xerada no escenario político estatal do que dixo, a estratexia de Rajoy é “alimentar a idea do pobre decadente espectáculo que nos están dando a política madrileña e os partidos estatais”. Hai uns meses e tras as eleccións,engadiu, vimos como o PSOE e Podemos xogaban ao gato e ao rato e en vez de cumprir coa promesa de desaloxar a Rajoy, “fixeron un xogo que reforzou á dereita e ao propio Mariano Rajoy”. Mariano Rajoy onte demostrou a súa estratexia, “impoñer un goberno e o seu programa baixo a ameaza de que teñamos que ir a votar o 25 de Nadal”.

Ante esta situación, a candidata do BNG convidou a todos os galegos e galegas “aborrecidas da política estatal” a apostar por abrir un tempo novo dende Galiza “da man do BNG” e que aposten por un autogoberno real, un finanzamento que permita que os cartos que pagamos en impostos “non emigren” e sexan utilizados para frear os recortes na sanidade, na educación, na lei de dependencia e xerar emprego. Un novo tempo, recalcou, para a igualdade “entre homes e mulleres” e onde haxa medios e recursos contra a violencia de xénero e as discriminacións que seguimos sufrindo as mulleres, un novo tempo “para que a xente nova teña oportunidades e saír do modelo da precariedade laboral e emigración como única alternativa”.

Luís Bará, cabeza de lista pola provincia de Pontevedra

Pola súa parte, o candidato nº1 provincia de Pontevedra, Luís Bará reiterou que o BNG “ten os deberes feitos” con propostas e un equipo experimentado para poder gobernar despois do 25 de setembro. Bará recalcou que o proxecto do BNG ten “esperanza e futuro na nosa terra e son precisos instrumentos financeiros, políticos e sociais, ferramentas propias para cambiar e abandonar a submisión para plantarlle cara a Madrid e a Europa”.

O cabeza de lista  por Pontevedra confiou en que, tras o 25 de setembro sexa posible cambiar a Xunta de Galiza nun verdadeiro goberno e non “nunha delegación do Goberno de Madrid ou nunha simple xestoría dos asuntos públicos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG