Se a Cifuentes lle din que hai 3.500M€ para as autoestradas de Galiza e cero para Madrid “arde Troia”, o que contrasta co “si bwana de Feijóo”
Feijóo non comparecerá para explicarse sobre o segundo veto a AP9 e a situación do transporte público
A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou o veto do PP á comparecencia do presidente da Xunta para explicar cal é a estratexia do Executivo ante o segundo veto de Rajoy á transferencia da AP9 e sobre a situación do transporte público, coa supresión do transporte escolar e a presentación dunha denuncia contra o plan da Xunta.
“Onte o PP sacaba un vídeo no que presumía de facer historia comparándose coa chegada do home a lúa ou coa caída do muro de Berlín. Unha hipérbole que sería para rir, senón fose porque sacan peito cunha recuperación que a maioría da familias non ve”, replicou Pontón.
“Saben o que sería histórico? Que o PP deixe de usar o rodillo neste Parlamento e negociara algo cos grupos da oposición, sería digno dun vídeo”, ironizou, tras ver como o grupo do Goberno vetaba na Deputación Permanente a solicitude de comparecencia de Feijóo, como leva feito de xeito sistemático desde 2011, “e así ata o final”.
Para o Bloque, era necesario que o presidente da Xunta aclarase a súa oposición tras o anunciado segundo veto á transferencia da AP9, “porque máis parece que se puxo a camiseta do Ministerio de Fomento, que a camiseta de Galiza”.
“Estou absolutamente convencida de que se en vez de estar no Parlamento de Galiza estivésemos no de Madrid e viran como se rescatan as autoestradas galegas con 3.500M€ e a eles se lles dixera que hai cero euros para rescatar as súas, a señora Cifuentes non sei se daría un golpe na mesa pero desde logo estaría ardendo Troia”, salientou replicando ao reproche do PP contrario a exercer a autoridade do Parlamento.
“O problema é que aquí temos ao señor Feijóo dicindo si bwana a todas as decisións que veñen desde o Estado, e así nos vai”, recalcou, quen lembrou que a transferencia é o primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes, advertindo que se prepara unha nova subida das tarifas da AP9.
Igualmente, o Bloque reclamaba as explicacións de Feijóo en relación á situación do transporte público, máxime tras a presentación dun recurso por parte das empresas ao plan da Xunta.
“Hai unha xudicialización de todo o proceso e xa teñen o antecedente do servizo 065 de transporte de emerxencias que foi declarado ilegal”, salientou Pontón, quen advertiu sobre as consecuencias da supresión do transporte escolar, citando a instrución da Xunta para que os tempos de espera nas paradas non superen os cinco minutos, o que obrigaría aos nenos e nenas que non fosen recollidos a facer todo o percorrido.
Recriminou ademais o escurantismo do Executivo, sen informar das empresas que se presentaron, nin cales foron convidadas para presentar ofertas para as liñas.
Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |