Ana Pontón ve no posible adianto electoral unha oportunidade de acabar coa discriminación a Galiza

Encontro feminista
Encontro feminista

Foi unha lexislatura “perdida” para este país, alega, e critica que o PSOE busque culpables para xustificar os seus cálculos electoralistas: “Raxoi gobernou tres anos con orzamentos prorrogados”

A portavoz nacional, Ana Pontón, lamenta que á esquerda española se deixe “marcar o campo de xogo” pola dereita e atribúe o previsible adianto electoral de Pedro Sánchez a un mero cálculo electoralista, que usa a non aprobación dos orzamentos como escusa “para buscar un culpable a quen responsabilizar”.

Neste sentido, lembrou que o ex-presidente Mariano Raxoi “gobernou durante tres anos cos orzamentos prorrogados”.

En todo caso, Pontón considera que esta foi unha “lexislatura perdida” para Galiza totalmente ausente no debate do Estado, e ve na cita coas urnas para os comicios xerais unha oportunidade de volver darlle peso político a este país da man dunha forza propia como o Bloque.

“As eleccións son unha oportunidade para cambiar o que non nos gusta, e non nos gusta que aos galegos e as galegas nos discriminen e nos traten como cidadanía de segunda”, recalcou.

Nesta lexislatura quedou en evidencia a “inutilidade” das forzas estatais, “que pasaron olimpicamente dos galegos e das galegas, inútiles á hora de defender os intereses deste país como acabamos de velo no debate das contas do Estado no que ningunha presentou emendas contra a discriminación de Galiza nas contas do Estado. Isto co BNG non pasaba”, subliñou.

Pontón ve na previsible convocatoria electoral a ocasión para “recuperar unha voz que nos defenda a través dunha forza política propia como o BNG. Calquera que sexa finalmente a data, imos estar aí”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG