Parlamento Galego

Ana Pontón ve nos orzamentos unha oportunidade perdida e a proba de que Feixóo carece de estratexia para saír da crise

Ana Pontón
Ana Pontón
Critica a repetición de mantras propagandísticos: “volven ser as contas máis sociais da historia, pero non concreta gasto sanitario ou social”

O BNG fixo unha valoración de urxencia do proxecto de orzamentos aprobado polo Goberno que, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “todo apunta que será unha oportunidade perdida” despois de ver como o presidente da Xunta utilizaba a presentación para repetir os mesmos titulares de autobombo de cada ano mesmo en plena pandemia.

“É inaudito que en plena pandemia Feixóo presente un proxecto de orzamentos repetindo os mesmos titulares propagandísticos doutros anos nunha especie de día da marmota”, indicou Pontón, “e como cada ano anuncia que estes son os orzamentos máis sociais da historia, repite que se van baixar os impostos e un ano máis presume de débeda obviando que multiplicou por tres a débeda dos e das galegas”.

Pero ademais da retórica habitual, a intervención do presidente da Xunta “demostrou que carece de proxecto para sacar a Galiza da crise e todo a apunta a que as contas de 2021 serán unha oportunidade perdida”, subliñou Pontón, como se pode concluír dun dato que “fala por si só”: os 115 M€ reservados para atender a estratexia que defina a Comisión parlamentaria de reactivación.

“Esa comisión ten como obxectivo presentar un acordo de país para saír da crise e para ese reto Feixóo reserva menos do 1% do gasto, no que máis ben parece unha versión cutre de orzamentos participativos”, criticou, “o que deixa claro que nin ten proxecto de país nin interese algún en chegar a consensos no Parlamento a favor de Galiza”.

A líder nacionalista tamén botou de menos que o xefe do Executivo concretase o anunciado incremento en sanidade, cando só  atención primaria precisa un investimento adicional urxente de 200 M€, e que tampouco fixese mención algunha ao que recolle o proxecto en materia de coidado das persoas maiores tendo en conta o drama que están a vivir nas residencias.

Finalmente, indicou que tampouco é certo que estes sexan os orzamentos co teito de gasto máis alto da historia, porque descontando o efecto da inflación, Galiza contará para saír da pandemia con 1.190 M€ menos que os que tiña en 2009.

A portavoz do BNG recriminou que o afán propagandístico do presidente da Xunta sexa tal que alcance tamén á presentación do proxecto de orzamentos, rompendo co hábito de remitir o documento das contas públicas ao Parlamento ao día seguinte da súa aprobación polo Goberno, “nesta ocasión decide confiscalo tres días para poder lanzar a súa propaganda sen que poidamos ter acceso aos datos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG