Parlamento Galego

Ana Pontón ve en Feixóo falta de ideas e de ambición para que Galiza reciba o que lle corresponde do fondo COVID19 europeo

Ana Pontón
Ana Pontón

Rexeita a centralización do reparto e considera un erro estratéxico non fixar contía mínima cando territorios como Euskadi cifran en 13.000 millóns de euros a súa demanda

Advirte contra o risco de que sexan as empresas do IBEX as beneficiadas dos fondos en detrimento das PEMES e do tecido empresarial galego

Poucas ideas e pouca ambición de país é a valoración inicial da portavoz nacional, Ana Pontón, en relación ás propostas avanzadas polo Executivo de Feixóo para captar recursos do fondo COVID europeo e, ademais, sen atreverse nin a fixar unha contía mínima a conseguir para Galiza.

“Vemos que nin se quere concretar a cifra mínima á que debe aspirar Galiza dun fondo que suma 140.000 millóns de euros para o Estado español, o que contrasta co que están facendo os gobernos doutros territorios como Euskadi que xa puxo sobre a mesa proxectos por valor de 13.000 millóns de euros e considera que non deben recibir menos”, argumentou Pontón, quen advertiu contra o prexuízo que supón que o Goberno de Feixóo “avale a estratexia de centralización de reparto dos fondos”.

Avalar a centralización, -como demostra esa negativa a poñer cifras ao que se aspira para Galiza-, é aplanar o camiño para que Galiza volva ser discriminada, advirte. “Cando os fondos se reparten desde Madrid, e máis senón se poñen cifras, e abrir a porta  a que se repita a mesma historia de discriminación por iso nos parece un punto de partida e unha estratexia erróneas”.

En base ao avance do Executivo, Pontón tamén se pregunta a quen van beneficiar os cartos que aporta Bruxelas: “van ser grandes multinacionais ou empresas que se sentan no IBEX 35 as que se beneficien ou vai haber unha aposta para que ese fondo chegue a pequena e mediana empresa do país e para fortalecer un tecido empresarial propio?”, interpela, “que non vexamos como o fondo acaba servindo para que os de sempre se repartan os recursos que chegan da UE”.

A líder nacionalista adiantou que este sábado o Bloque celebra un encontro coa presenza dos e das responsables políticas en todas as institucións, tanto nos tres parlamentos  como nos concellos  para abordar os criterios que deben estar encima da mesa para que Galiza reciba todo o que lle corresponde. “Sabemos que o fondo COVID19 non é a panacea pero de ningunha maneira podemos permitir que Galiza saía discriminada e a proposta avanzada pola Xunta traslada poucas ideas, pouca ambición e incapacidade para defender os intereses do país á hora de recibir un financiamento que vai ser importante para abordar a recuperación económica e social do país”.

Pontón tamén ratificou a vontade do BNG de levar proxectos e iniciativas que contribúan a esa recuperación á comisión parlamentaria de reactivación e confía en que o PP “non opte polo veto e polo desdén absolutista”. A preguntas dos medios, a líder nacionalista considera “irrelevante” o futuro político de Feixóo e destacou que na axenda do Bloque todos os temas que figuran están en relación ao futuro dos galegos e das galegas e en dar resposta aos problemas da maioría social nun contexto de enorme dificultade derivado da pandemia.

“O que me preocupa é que neste momento temos a miles de persoas nun ERE, comercios que apenas se sosteñen, un problema nas residencias de maiores ao que non se lle da resposta. Esas son as cuestións que nos ocupan e non o ego de Feixóo nin o papel de botafumeiro das persoas que integran o seu goberno”, concluíu.

 

Interpelación na comisión de Economía

En relación á cuestión dos recursos previstos desde a UE,  o BNG tamén interpelou no Parlamento sobre o escenario aberto para os fondos europeos e o criterio que vai defender o Goberno galego para o seu reparto e posterior xestión. Así, a deputada Noa Presas cuestionou ante a Comisión de Economía se a Xunta vai antepoñer os intereses galegos na negociación dos fondos “sen adoptar unha posición subsidiaria aos intereses estatais ou partidarios”.

Logo de subliñar a necesidade de que esta negociación “esixe posicións ambiciosas e de país”, Presas tamén alertou sobre a condicionalidade das axudas COVID19 e a redución que a súa dotación implica noutros fondos “tradicionais”, como os da Política Agraria Común ou os de transición enerxética, cuxas partidas xa foron recortadas e polas que tamén preguntou ao Goberno galego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG