Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón: “Somos a única opción a favor de Galiza e dunha axenda social e e dereitos”

Acto Pontevedra
Acto Pontevedra

Pide intensificar a campaña casa a casa: “ desta vai, pero os escanos gánanse nas urnas, non nas enquisas”

Da Silva pide en Pontevedra para o 10N o apoio de todas as persoas que votan BNG nas eleccións municipais

No mitin de Pontevedra, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento á mobilización para chegar a todas esas persoas “desencantadas e cabreadas” coa inutilidade dunhas forzas estatais que persistiron na discriminación e no ninguneo a Galiza e que tampouco serviron para recuperar dereitos e liberdades, pois as contrarreformas laborais ou a Lei mordaza seguen vixentes.

A todas fixo un chamamento para concentrar no BNG o voto de país, das persoas que queren que “Galiza exista” no Estado e das que tamén queren unha axenda social e de dereitos, convencida de que “desta vai”. “Fai seis meses faltou un puñado de votos para recuperar voz propia en Madrid. Pero hoxe son moitos máis os galegos e as galegas que, votasen o que votasen o 28A, saben que Galiza gana se o BNG está no Congreso e temos que ser capaces de mobilizalas”, recalcou.



“Pídolle a todas as persoas cabreadas co espectáculo das forzas estatais, cabreadas coa discriminación e co ninguneo a este país, decepcionadas e cabreadas porque aí seguen intactas a Lei Mordaza ou as contrarreformas laborais que trouxeron precariedade, a todas elas pídolles que se mobilicen, que se rebelen nas urnas votando BNG, que non fai parte do problema senón da solución, que é garantía de defensa de Galiza e de defensa dunha axenda social, de dereitos e liberdades”, proclamou.

“Sobran os motivos para que nos mobilicemos, para concentrar no BNG todo o voto de país”, subliñou, ao tempo que instaba a “intensificar” a campaña de rúa estes últimos días “casa a casa, falando co todo o noso entorno, porque os escanos gánanse nas urnas non nas enquisas”, en relación ás sondaxes que confirman que o Bloque volverá darlle voz propia a Galiza no Congreso a partir do 10N.

“Desta vai, -recalcou- pero non demos nada por feito porque as enquisas enquisas son, deixan claro que estamos á alza pero necesitamos movernos e falar con todo o mundo, porque nós non estamos nos platós de televisión”, enfatizou.

Tras ironizar coa recolocación de ana pastor, -“normal porque nunca fixo nada por pontevedra pero fixo todo por madrid”-, e sobre a parada gastronómica de casado en Lalín, -“as crónicas de prensa din que lle deu tempo a comer un plato de callos e outro de castañas”-, Pontón puxo a cidade do Lérez como exemplo do que o BNG é capaz de facer, exemplo de que hai outra maneria de facer política.

Acto Pontevedra E, con ese aval, pediu para a candidatura que encabeza Carme da Silva o apoio “de todas esas persoas que confían no BNG nas eleccións municipais para que tamén o fagan o 10N, pido o voto de todas as persoas que, convocatoria tras convocatoria, confían en Lores e no proxecto do Bloque, quen mellor que Carme da Silva para facer valer ante o Goberno do Estado os intereses de toda pontevedra?”, interpelou, “queremos que estea no Congreso para poñer fin o silencio destes anos e para poñer fin a esa inmoral prórroga de ENCE e facer realidade unha das máis sentidas demandas deste cidade: o traslado de ENCE fora da ría”.

Unha apelación que tamén fixo a candidata: “porque o noso compromiso é traballar coa mesma ilusión e intensidade no Congreso, levando alí a voz de Pontevedra, que ata o de agora estivo muda, e cos seus proxectos pendentes metidos nos caixóns da forzas políticas madrileñas. O vindeiro 10N o país ten que gañar. Galiza ten que estar”, recalcou Da Silva.

Acto Pontevedra Da procesión dos caladiños a ser decisivas no Congreso

Pontón destacou que fronte a “procesión dos caladiños” dos 23 deputados e deputadas electas, a representación do Bloque será “a voz propia que Galiza necesita para facerse valer en Madrid e, nun escenario sen maiores, condicionar a política do Estado a favor dos e das galegas”. Hai que pasar a páxina do agravio das forzas estatais, desde o bipartidismo PP-PSOE que se alternan na discriminación en función de quen se sente na Moncloa, a un Podemos que non dubidou en pactar co Goberno de Sánchez os peores orzamentos para Galiza en vinte anos.

“Non abriron a boca máis que para defender os seus xefes de fila”, criticou, “ese é o descaro das forzas estatais e das súas sucursais que só se acordan de Galiza para vir pedir o voto coas mesmas promesas de sempre, das que se esquecen ao día seguinte de pecharse as urnas. O 10N van recibir a resposta que se merecen da man dun BNG que nunca lle fallou a este país”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG