Parlamento Galego

Ana Pontón reta a Feijóo a comprometerse coa transferencia da AP-9

  • A nacionalista reiterou a necesidade dun pacto de todas as forzas galegas para xestionar a infraestrutura na que  todos os galegos e galegas levamos pagados 2.300 M€ en peaxes

A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón retou hoxe  a Feijóo a reclamar a transferencia da AP-9, tras a decisión do Partido popular de frear no Congreso o debate da lei aprobada no Parlamento galego por iniciativa do Bloque Nacionalista galego.

A nacionalista cualificou de “estafa legalizada” unha infraestrutura pagada por todos os galegos e galegas con máis de 2.300 M€ en peaxes e  afirmou que a AP-9 “non só está amortizada” senón que obtén un beneficio neto de 900 Millóns de euros.

Pagamos máis peaxes por viaxar desde A Coruña a Vigo, 130 Quilométros , que dende A Coruña a Madrid cunha distancia de 510 Qms, en  Galiza,  “cos  segundos salarios máis baixos”  pagamos ás peaxes máis caras de todo o Estado”.

Feijóo leva 8 anos prometendo a transferencia da AP-9

Por outra parte, a parlamentaria indicou que Rajoy está disposto a investir 5.500 millóns de euros para rescatar as radiais madrileñas, máis di que “ten cero euros para rescatar aos galegos e galegas da estafa das peaxes”. Neste sentido, lembrou que o propio Núñez Feijóo leva 8 anos prometendo a transferencia da AP-9 pero “non moveu un dedo para conseguila”, ao contrario, dixo,  foi parte do problema cando defendeu a privatización e converteu a AP9 “nunha estafa legal”.

O BNG tende a man a un pacto de todas as forzas políticas

Convénzanos de que de verdade é un militante de Galiza. Demostre que hoxe non ven aquí simplemente a dar un titular de prensa coa mesma cantinela de que a transferencia será unha prioridade para o seu Goberno. Ese titular xa o temos moi lido señor Feijóo, espetoulle a portavoz parlamentaria do BNG ao Presidente da Xunta e pediulle que exerza como tal asumindo “un pacto de país para conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”. O BNG, explicou, xa fixo esa proposta e seguimos “coa man tendida para conseguir ese obxectivo, desde a unidade de todas as forzas políticas e co apoio da sociedade”.

Feijóo responde que levará tempo negociar a transferencia da AP-9

O Presidente da Xunta respondeu á deputada do BNG que a transferencia non se conseguirá de hoxe para mañá, e vai custar o seu tempo acadala xa que é preciso negociar o seu traspaso. Feijóo, despois de presumir das bonificacións nas peaxes invitou ás forzas parlamentarias a continuar solicitando “xuntos” a transferencia da AP-9 pero sen anunciar ningún compromiso da Xunta para iniciar o proceso da súa transferencia.

Pontón acusa a Feijóo de responder cun titular precociñado

Na réplica, Pontón criticou que o Presidente da Xunta prefira dar o mesmo titular tantas veces publicado e co  “descaro” de responsabilizar a outros da estafa da AP9 da que dixo,  no ano  2000, o Goberno de Jose María Aznar, -do que vostede formaba parte-,  decidiu ampliar a concesión até o ano 2048 o que significa que pagaremos peaxes durante   75 anos, “ máximo legal” da que só     hai tres  en todo o Estado e dúas delas en  Galiza, a  Ap-53 e Ap-9. No ano 2003, engadiu a nacionalista, o mesmo  Goberno de José María Aznar privatiza a AP-9, mentres vostede, como conselleiro de Política Territoiral, “fixo o papelón de dicirnos que non pasaba nada” pero si que pasaba,  subiron as peaxes un 50% e os galegos e galegas cos salarios máis baixos do Estado “soportan unha auténtica sablada”.

No ano 2015 o BNG reclama a transferencia da AP-9 e o seu partido, con maioría absoluta no Congreso, impediu que se producira a transferencia. A única alternativa para reclamar a transferencia foi a que eu mesma defendín nesta Cámara en nome do BNG pero  en Madrid, os deputados e deputadas do Partido popular non atenderon os intereses dos galegos e galegas e preferiron poñerse ao lado dos “intereses de AUDASA”.

A deputada reiterou a súa oferta “dun pacto real” para rematar coa sangría e estafa da AP-9 e preguntou ao Núñez Feijóo se está disposto a pronunciarse sobre o “intento de veto” do debate da lei aprobada no Parlamento galego e dicirlle a  Mariano Rajoy que se hai cartos para rescatar peaxes “as primeiras deben ser as de Galiza”. concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG