Ana Pontón quere estender por máis concellos de Galiza o modelo municipal de éxito do BNG

Candidat@s BNG
Candidat@s BNG

“Funciona: mellora a vida das persoas, están libres de corrupción, optimizan cada €, son feminista, sostibles e teñen orgullo de país”, declara

Pide reforzar a representación en Bruxelas “para seguir dando voz a Galiza e axudar a construír unha Europa da que non avergoñarnos”

O BNG encara as eleccións do 26M con “optimismo e decisión” sabendo que ten motivos para “ir a por todas” e co obxectivo de estender por Galiza o modelo municipal de éxito do Bloque que ten demostrado que funciona transformando en positivo vilas e cidades, mellorando a vida das persoas e axudando a construír país desde os concellos.

“Ese é o reto que nos fixamos: máis BNG nos concellos, máis concellos gobernados co modelo municipal do BNG, un modelo de éxito, que mellora a vida das persoas e que demostra que, cando confiamos nas posibilidades do país e temos políticas propias, avanzamos e logramos grandes cousas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, no acto que congregou en Santiago a unha representación de alcaldes, alcaldesas e candidat@s.

“O noso modelo está testado e funciona e por iso queremos estendelo por Galiza o 26M”, recalcou, “unha cita coas urnas na que imos a por todas, porque nos sentimos especialmente fortes, queremos sumar concelleiros e concelleiras, gañar máis alcaldías para formar máis gobernos BNG. E por suposto, avanzar para ter máis peso político en todas as cidades”, sintetizou.

Para logralo, o aval do traballo feito e os sinais de identidade dos gobernos nacionalistas. Son concellos sociais, porque colocan no centro da actuación política mellorar a vida das persoas,  iso é o que está detrás da rexeneración e renovación urbanas, da peonalización, da defensa dos servizos públicos, da aposta polo dinamismo cultural e de ocio. “Unha acción de goberno que busca algo moi importante: que as veciñas e os veciños sexan máis felices”, salientou.

No ADN dos gobernos locais tamén o feito de ser concellos orgullosos do noso, “con autoestima de país, que defenden o idioma, a cultura e a identidade propia, con confianza  no país e na súa xente, viva no medio rural ou no urbano, porque en ambos logramos concellos que son referencia”, argumentou a dirixente nacionalista.

Igualmente, destacou que estamos ante concellos honestos e eficaces na xestión, “libres de corrupción, transparentes, participativos, nos que se optimiza cada euro, cunha aposta pola economía local, nos que a veciñanza é quen máis ordena”.

E son concellos feministas e sostibles, “porque o futuro só é posible con mulleres libres, gobernos nos que a defensa da igualdade e a loita contra as violencias machistas son dúas caras da mesma moeda, concellos sustentables, porque coidar o patrimonio, territorio e o medio ambiente é unha obriga moral para deixar un lugar mellor ás xeracións que veñen detrás”.

Maxia...pero co rumbo claro

Antes de Pontón, as intervencións políticas da concelleira de Benestar en Sada, Isabel Reimundez, que falou da “maxia” dos concellos BNG “pero desde o traballo diario”, para dar paso “a dous dos magos” máis significativos do modelo municipal do Bloque, como cualificou aos rexedores de Carballo e Pontevedra.

“Chamáronme de moitas maneiras na miña traxectoria política, pero nunca antes mago”, replicou Evencio Ferrero que concretou en dous eixos a fórmula BNG: “O cariño polo lugar que sentimos como propio, lugar que nos gusta ver avanzar para vivir nun espazo que lles permita ás persoas ser máis felices e, segundo eixo, a visión estratéxica, o proxecto do concello que queremos construír cun horizonte e as idas claras, sen improvisacións. Esa é a maxia que aplicamos”.

O alcalde pontevedrés atribuíu o éxito dos gobernos nacionalistas “á confianza no país e na nosa xente”. “Cando me preguntan se o modelo Pontevedra o podería desenvolver outra forza contesto que non, porque o BNG elabora un proxecto propio, centrado na nosa realidade e esa confianza no que somos como país e como pobo é o que nos diferencia”, salientou Miguel Anxo Fernández Lores, convencido de que, pese aos logros, “o mellor está por vir”.

Fame doutra Europa

Pontón pechou a súa intervención lembrando que a cita coas urnas inclúe as eleccións europeas e puxo en valor o traballo da candidata Ana Miranda. “É a garantía de que Galiza siga tendo voz propia en Europa e tamén a candidatura das persoas comprometidas coa defensa da democracia, dos valores republicanos, dos dereitos sociais e nacionais”, salientou.

Subliñou que esta “etapa de involución democrática” deixou en evidencia o que sempre denunciou a formación nacionalista, “que a UE non só prexudicou sectores básico da economía do país senón que é un instrumento ao servizo dos estados e do capital”.

“Temos fame doutra Europa, social, dos pobos, solidaria, democrática, que alce a voz contra o recorte de dereitos e liberdades, que non deixe tiradas a  millóns de persoas, mentres se rescata a banca ou se lexisla para os lobbies. Para construír unha Europa da que non avergoñarnos, para iso tamén vale a presenza do BNG en Bruxelas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG