Ana Pontón propón a Feixóo consensuar unha desescalada galega para levar á próxima conferencia de presidentes

O BNG demanda ao Goberno central e á Xunta un plan de rescate da hostalería e do comercio para evitar o afundimento do sector e a destrución de miles de empregos

A líder nacionalista reclama “menos improvisación e máis certezas” para acertar no proceso de desconfinamento e non botar por terra o logrado con tanto esforzo

A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou a satisfacción do BNG porque Galiza rexistrou o primeiro día sen vítimas poro coronavirus desde o inicio da pandemia, un dato esperanzador que obriga aínda máis a meditar unha desescalada que permita acertar e evite “botar por terra todo o que conseguimos con tanto esforzo”.

Tras insistir na transparencia nos datos, en particular nas residencias, a líder nacionalista aposta por unha desescalada galega pactada no Parlamento para defender unha posición de país ante Madrid, axustada á realidade de Galiza. “Para iso é importante ter un presidente que dialogue e acorde, que respecte o Parlamento e que entenda a política como algo máis que roldas de prensa”, alegou, “non son tempos de choque de trens, non son tempos de oportunismo político, senón de ter altura de miras para sumar, para colaborar, para aportar. E iso é o que facemos desde o BNG”.

Con ese obxectivo, subliña Pontón, “reclamamos que o próximo domingo Feixóo non vaia á conferencia de presidentes cunha posición partidaria, senón que intente conformar unha posición de país e para iso ten que dialogar e acordar, porque a falta de diálogo que lle critica a Sánchez é a mesma que práctica en Galiza. A pesar da man tendida para saír desta crise, nin unha soa vez acordou nada co BNG durante a crise, pese as propostas, ideas e con medidas concretas que formulamos”.

A líder nacionalista foi crítica co plan de desconfinamento do Executivo do Estado e reclamou “menos improvisación e máis certezas, subliñou, iso é o que lle pedimos aos gobernos porque é moito o que está en xogo”. “É evidente que o plan de desescalada non vai funcionar porque non se adapta á realidade nin ás necesidades que temos en Galiza, pero tamén é evidente que nada lle soluciona aos galegos e as galegas un Feixóo que se dedica a botar balóns fora sen dar propostas para que teñamos un desconfinamento seguro e haxa certezas no económico”.

Precisamente no plano económico, o Bloque reclamou un plan de rescate para o sector da hostalería e do comercio porque serán dos últimos en poder ver a luz ao final do túnel e a súa repercusión no emprego é enorme.

“Hai que revisar a apertura do comercio e da hostalaría porque o que se propón no plan é inviábel e vai arruinar unha boa parte do tecido económico, non é viable erguer a persiana sen saber que protocolos sanitarios e medidas de prevención, sen avaliar a viabilidade dun negocio que só vai funcionar ao 30%. Gobernos galego e central teñen que saír ao rescate do comercio e do sector turístico, cun plan pactado co sector porque ou hai apoio público ou pode afundirse, hai que trazar un plan económico ambicioso, hai que rescatar este sector”, concretou Pontón.

O Bloque tamén considera un erro usar a provincia como referencia para establecer a mobilidade e aposta pola comarca. “A escala non pode ser a provincial nin tampouco as áreas sanitarias, o desconfinamento debe facerse no ámbito comarcal, atendendo as diferenzas entre o rural e o urbano e as restricións á mobilidade intracomunitaria deben ser por razóns sanitarias e seguindo criterios científicos”, explica.

Axudar a pais e nais a conciliar na desescalada

A conciliación é outro aspecto que o plan non resolve e tal e como se formula é misión imposíbel para moitas familias que non poder contar coa escola, nin poden deixar aos seus fill@s cos maiores, polo que propón alternativas como o permiso retribuído especial para un dos proxenitores mentres dure a desescalada. No relativo ás persoas autónomas, critica que en territorios como Euskadi, Catalunya ou Valencia reciban axudas directas dos seus gobernos, pero en Galiza non reciban nada.

“Queremos que os gobernos acerten polo ben de todos, por iso seguimos coa man tendida para colaborar e pedimos que Feixóo compareza no Parlamento antes da conferencia de presidentes para conformar unha posición de país fronte ao desconfiamento, comparecencia que pode ser maña mesmo, que sexa coherente e que practique en Galiza o diálogo que lle reclama a Madrid”, reitera Pontón.

Un desconfinamento pactado no Parlamento adaptado a nosa realidade ou como mínimo que se poña en marcha unha comisión bilateral Galiza-Estado onde se pacte a desescalada adaptada ao país. E finalmente, é necesario que a volta progresiva á normalidade veña acompañada dun plan de reactivación económica e de mantemento do emprego que evite que sectores estratéxicos da nosa economía entren an UCI.

Data electoral

Preguntada por unha posible data electoral, Pontón reiterou que o BNG foi a primeira forza en pedir aprazar as eleccións porque a prioridade é a saúde das persoas. “Mantemos o mesmo criterio: a saúde é a prioridade e, polo tanto, as eleccións deben celebrarse cando se dean as condicións de seguridade sanitaria para os galegos e as galegas, nin un minuto antes, nin un minuto despois. En todo caso, espero que a data se fixe en Galiza e que non a marque o lendakari Urkullu desde Euskadi e Feixóo se limite a ir a rebufo”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG