Ana Pontón propón a Feijóo frear a subida das peaxes para substituíla por descontos e bonificacións

“Vaille trasladar ao ministro de Fomento o cabreo dos e das galegas por esta nova tomadura de pelo?”, interpela, tras lembrar que a venda de saldo da AP-9 contou coa bendición do presidente da Xunta 

O BNG fai tres propostas: frear as peaxes, que o Estado ou AUDASA asuman o custe das obras de ampliación e levantar o veto á transferencia

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control ao presidente da Xunta para pedirlle que, por unha vez, defenda os intereses de Galiza aproveitando o seu posterior encontro co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, con tres medidas concretas en relación a AP-9: Parar a subida das peaxes para substituíla por bonificacións e descontos, reclamar que sexa a concesionaria ou o Estado os que asuman as obras de ampliación e esixir que se levante o veto á transferencia.

“Por dignidade, e por respecto aos galegos e as galegas, pídolle que se comporte como Presidente deste país, e dígalle ao ministro de Fomento que Galiza non está para aturar máis discriminacións, nin a xente para engordar os beneficios de AUDASA, e menos con salarios que non lle deixan chegar a fin de mes”,  salientou Pontón, quen lembrou a Feijóo que a privatización da autoestrada contou coa súa bendición.

“A AP-9 vendeuna Aznar cando vostede era conselleiro de Política Territorial e cualificou de bo negocio para Galiza a venda a prezo de saldo deste infraestrutura”, argumentou unha portavoz nacional moi crítica coa posición de subordinación de Feijóo a Madrid.  “O máis grave é que está convertido nun monicreque do señor Rajoy a quen prefire facerlle a ola a defender os intereses deste país, e iso estanos saíndo por un ollo da cara e fainos perder oportunidades”, sinalou.

Pontón insistiu nas “letais” consecuencias dunha estratexia de submisión que “arrastra” a Galiza á irrelevancia política. “Pagamos esta irrelevancia con máis retrasos no AVE, con menos inversións do estado, cun transporte ferroviario que, salvo o eixo Coruña-Vigo, é decimonónico, coa exclusión do corredor atlántico de mercadorías ou con esa candidatura pantasma para acoller a sede dun laboratorio que vai desaparecer. Señor Feijóo, vendía fume ou mófanse de vostede?”, interpelou.

A  dirixente do Bloque lembrou as “malas novas” coas que se pecha o ano que afectan directamente á economía das familias galegas, como o feito de ter a gasolina e o gasóleo máis caros de todo o Estado, -“pese a refinería na entrada da Coruña”-, a  factura da luz máis cara de Europa, -“a pesar de que somos exportadores de enerxía eléctrica”, e a “estafa” das peaxes a piques de subir un 4%, -“pese a ser unha infraestrutura amortizada e requeteamortizada”-.

“Non me estraña que se dispare o IPC en Galiza e non quero pensar como van subir os prezos en xaneiro cando entre en vigor a subida da AP-9 coa que nos agasalla Rajoy. E por riba  nun país que está a cola en salarios”, indicou a deputada do BNG.

Pontón demandou de Feijóo que deixe atrás o seu “servilismo” para contentar ao presidente do Estado “e deixe de buscar culpábeis para lavarlle a cara a Rajoy”, ata agora eran Zapatero e o bipartito, “e agora incorpora dous novos comodíns do público, o Proces e o cupo vasco”, ironizou.

“Demostre que hai algún problema de Galiza que vostede como presidente pode resolver e deixe de buscar culpábeis”, concluíu, salientando que o BNG sempre estivo en contra dos abusos de AUDASA “gobernase quen gobernase en Madrid”, e que só se poderá poñer fin a eses abusos cando a AP-9 estea xestionada desde Galiza, “mentres tanto, desde Madrid primarán os intereses da concesionaria sobre os dos galegos e galegas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG