Ana Pontón propón a Feijóo abrir o debate na Cámara para dotar a Galiza do poder político dunha nación

Advirte do risco de pasar de nacionalidade histórica a rexión se persiste en ser “fervente colaborador da brutal recentralización” iniciada polo PP

Perda de dereitos, recortes, estafa das peaxes, retrasos no AVE, ou financiamento discriminatorio, custe dun “Feijóo tonto útil de Rajoy”

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta que defina a súa posición sobre o papel que debe xogar Galiza nun momento político “excepcional” no que está aberto o debate para superar o marco institucional herdado do réxime do 78.

“Gústelle ou non, hai un debate aberto para deixar atrás o post-franquismo e hai que decidir se Galiza vai ser protagonista ou mera espectadora”, interpelou Pontón na sesión de control ao xefe do Executivo, ao que fixo unha proposta para evitar que o país quede marxinado.

“Propóñolle crear unha ponencia parlamentaria para analizar o contexto actual e definir un novo marco institucional. Xa lle adianto o noso punto de partida para ese debate: democracia, dereitos avanzados e recoñecemento de Galiza como nación, convencidas de que precisamos poder político propio para mellorar a vida dos galegos e das galegos”, formulou Pontón.

“Nese debate as nacións van ter un papel clave, e vostede preside unha nacionalidade histórica, por iso pregúntolle a súa posición, vai defender nese debate, Galiza rexión? Díganolo, porque é clave para o futuro”, preguntou Pontón ante a falta de concreción do xefe do Executivo, quen replicou á dirixente do Bloque afeándolle as súas fotos con representantes do Goberno catalán.

“Non sei se cree que está en condicións de falar de fotos, quere que falemos das súas fotos cun narcotraficante pola Ría de Arousa, das súas fotos cun conseguidor ou das súas fotos coa patronal da sanidade privada?”, replicou. “Nunca ten unha posición de defensa de Galiza, sempre ten unha escusa, agora é Catalunya, pero pode ser calquera”, criticou.

“É lamentable telo como adalide da recentralización do PP, cómodo co retraso do AVE a Galiza, cómodo cun sistema que nos fai perder millóns de euros, cómodo mentres o Estado nós debe 150M€ en dependencia, pero prefire deixar aos galegos e as galegas na estacada antes de reclamarllos ao señor Rajoy”.

Pontón afondou nas “nefastas” consecuencias que ten para Galiza a involución democrática e a “brutal” recentralización iniciada polo PP desde Madrid “con vostede como fervente colaborador”.

Involución democrática

“Unha involución democrática que empezou cos recortes en sanidade, en educación, nos servizos sociais, continuou co roubo de dereitos, coas contrarreformas laborais ou coa lei mordaza”, e esa mesma involución está detrás, -dixo-, “das cargas indiscriminadas contra un pobo que quería votar, na suspensión da autonomía de Cataluña e nas detencións de cargos públicos por unha audiencia Nacional que funciona ao ditado do PP, mesmo incumprindo a lei que tanto sacralizan”, denunciou.

Unha xustiza capaz de resolver en 24 horas a detención dun goberno pero que precisa unha década para resolver os casos de corrupción que afectan ao PP. “No Congreso, o instrutor da Gürtell  afirmou que Rajoy cobrou diñeiro en B, pero isto non vai abrir os medios públicos e sempre lles queda o reprobado fiscal Maza”, ironizou.

Feijóo, tonto útil de Rajoy

A dirixente do Bloque fixo fincapé no feito de que a involución e a recentralización “afogan” o xa escaso autogoberno “de tal xeito que cada vez máis decisión se toman fora de Galiza e contra Galiza” coa “complicidade necesaria” de Feijóo. En consecuencia: a cidadanía perdeu dereitos e vive na precariedade, os galegos e galegas sofren cada día os recortes en servizos básicos, un sistema de financiamento discriminatorio, a estafa das peaxes na AP9 e espolio enerxético en lugar dunha tarifa propia para beneficiar a empresas e familias.

Pontón lamentou que Feijóo respondese con descualificacións á proposta de abrir un debate na Cámara para deseñar un novo marco institucional para Galiza e deixoulle un chío nas redes:  “Confórmase con ser o tonto útil de Rajoy en contra dos galegos e das galegas”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG