Ana Pontón propón adaptar os orzamentos a nova realidade social e económica

Insiste nun acordo de país pactado no Parlamento para a reconstrución económica e social

Acusa a Feixóo de escapar do Parlamento para prodigarse na TVG, mentres o PP usa a maioría para maniatar a sede da soberanía popular

A portavoz nacional, Ana Pontón, lamentou que a comparecencia do conselleiro de Facenda fose pouco máis que un “remix” das medidas de curto alcance anunciadas polo xefe de Executivo en sucesivas roldas de prensa, e criticou tamén o triunfalismo do Goberno da Xunta que, en materia económica, se limita a presumir de ser o campión do cumprimento do déficit e de ter aprobado os orzamentos de 2020.

Por contra, a líder nacionalista fixo unha dobre proposta de cara a atallar as consecuencias económicas da pandemia: modificar as contas públicas para adaptalas de inmediato ao novo contexto e un acordo de país para a reconstrución económica e social pactado no Parlamento.

“Está vostede noutra galaxia can do di que os orzamentos aprobados antes da pandemia están adaptados e son válidos para afrontar esta situación, cando todos os expertos avanzan que vai ter un impacto maior que a crise do 2008. Os orzamentos están desfasados, presente unha proposta ante esta Deputación Permanente para poder adaptar as contas públicas á nova realidade do país”, reclamou a dirixente do BNG.

Pontón fixo fincapé nos miles de empregos perdidos, nos 225.000 galegos e galegas afectadas por un ERTE e nos 210.000 traballadors e traballadoras por conta propia para os que reclamou de novo axudas directas por parte da Xunta de até 2.000 € nun pago único. “Equivócanse ao xerar a expectativa de que por abrir a reixa do negocio van reactivarse o consumo e a economía, por iso urxe conselleiro que a Xunta active axudas directas, porque un autónomo galego ten menos axudas do seu goberno que un catalán ou un valenciano”, indicou.

Os efectos devastadores sobre a economía e o emprego requiren un acordo de país para a reconstrución, que o BNG entende debe recoller cinco principios: defensa dun sector público potente como motor de desenvolvemento económico e garante da xustiza social; impulsar o tecido produtivo galego; aposta estratéxica pola ciencia e o coñecemento; fortalecer os servizos públicos e enfrontar as consecuencias do cambio climático. “Vai haber un antes e un despois da pandemia e temos que anticiparnos para definir un modelo económico e social para a Galiza post-COVID19”, subliñou a líder nacionalista.

Pontón tamén se referiu ao plan de desecalada anunciado polo Goberno do Estado reiterando a proposta do Bloque de pactar un desconfinamento adaptado á realidade de Galiza, fuxindo dunha proposta uniforme ditada desde unha visión centralista. “Un desconfinamento pensado a escala de Madrid non vai funcionar en Galiza e vai traer desaxustes importantes, pero teño a sensación de que Feixóo está máis cómodo nun modelo no que decide Madrid porque prefire criticar ao Goberno central antes que asumira as súas responsabilidades”, indicou a portavoz nacional.

Dislates da mobilidade provincial

Para o Bloque é un erro a mobilidade “provincial” en lugar de por áreas comarcais que evitarían disparates “como que se vives en Padrón e a túa familia en Pontecesures non podes visitala pero si viaxar até Santiago ou Fisterra; ou que concellos como As Neves ou Mondariz Balneario teñan as mesmas restricións que Vigo”. A formación nacionalista advirte contra a falsa sensación de seguridade que trae a desescalada senón está acompaña das necesarias medidas de protección da poboación.

Negar os recortes en sanidade

“Equivócanse o Goberno central e a Xunta ao xerar falas expectativas de normalidade porque o inicio do desconfinamento non significa que o virus desapareza. Urxen medidas de rastreo do virus, o uso obrigatorio de máscaras e o seu reparto gratuíto se queremos evitar rebrotes, unha medida que en Galiza é especialmente necesaria porque imos ter pouca inmunidade social”, argumentou Pontón. Para que a progresiva volta á normalidade sexa segura require test masivos, plan de monitorización do virus e equipos de protección para o todo o persoal sanitario, dos servizos públicos e dos que están na primeira liña.

Unha falsa seguridade que se agrava co empeño do Goberno do PP “en negar os recortes en materia sanitaria”, que afectaron especialmente á atención primaria, para a que reclama un plan de reforzo de 200 M€, en particular agora que vai ter un papel decisivo na loita contra o coronavirus.

Menoscabo da saúde democrática do Parlamento

Pontón foi moi crítica coa ausencia do presidente galego do Parlamento que demostra un “total desprezo” pola soberanía popular “menoscabando a saúde democrática da Cámara” a través dun PP que usa a súa maioría “como trituradora que retorce o regulamento ao seu antollo para atrasar con descaro a comparecencia de Feixóo”. Este feito ten motivado mesmo unha queixa formal por parte do resto de grupos parlamentarios.

“Feixóo escapa do Parlamento mentres se prodiga na televisión pública nunha sorte de telepresidente e, desde a declaración do estado de alarma o 14 de marzo, compareceu 21 veces na TVG e só unha no Parlamento, este é o seu concepto de democracia”, denunciou. “Esperamos que, canto antes e xa chega tarde, esta Cámara recupere toda a súa capacidade de traballo e de impulso, porque non son tempos para desprezar a man tendida que se ofrece a favor de Galiza, nin de ignorar as propostas que lle poñermos enriba da mesa simplemente por mero oportunismo político”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG