Galegas 2020

Ana Pontón preséntase como a candidata da maioría social que quere un cambio real só posible cunha presidenta do BNG

“Non saímos a xogar medio partido”, recalca, “o noso reto é facer historia e que por primeira vez unha muller e unha nacionalista presida Galiza”

Acto multitudinario de lanzamento da candidata nacionalista: “temos organización, proxecto solvente e sabemos gobernar”

Nun acto multitudinario que convocou en Santiago a militantes e simpatizantes, a portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a súa candidatura ás eleccións galegas co reto de “facer historia” e ser o referente da maioría social que quere un cambio real e lograr unha Presidencia da Xunta liderada por primeira vez por unha muller e por unha nacionalista.

Un nutrido grupo de asistentes tivo que quedar na rúa nun auditorio desbordado, o que fixo necesario que a candidata, micro en man e subida a unha caixa, lle dirixise unhas palabras que foron recibidas ao grito de “presidenta, presidenta”.

“Que ninguén o dubide, imos facer historia, imos deixar atrás esta década gris e abrir un tempo novo da man do BNG”, arrancou Pontón a súa intervención,  na que agredeceu o entusiasmo e o apoio da militancia. “É unha honra e unha enorme responsabilidade coa cidadanía que quere un cambio de rumbo, un compromiso coas persoas que están a mirar cara nós, coas que nos votaron e coas que nos ven como a mellor opción para o cambio real”.

                                                                                                                                                                                                                                                        “Quero dirixirme a esa maioría social para dicirlle que vou ser a súa candidata, a candidata desa maioría que ama este país, que sabe que o desenvolvemento económico e social non pasa por máis submisión a Madrid, senón por máis Galiza. Quero ser a candidata da Galiza dinámica e traballadora, que sabe que o futuro pode ser mellor se confiamos en nós mesmas e non nos resignamos á lenta decadencia á que nos condenan as políticas centralistas. A esa maioría quero dicirlle que ten sólidos motivos para confiar e ilusionarse co BNG”, apelou Pontón.

Con ese obxectivo de liderar o cambio real á década de Feixóo, a candidata á Presidencia deixa claro que o Bloque vai a por todas, porque o país precisa moito máis que un mero cambio de caras para seguir coa mesma política de submisión centralista baixo un verniz “progre”.

“Son consciente de que o reto que temos entre mans é lograr unha auténtica revolución: conseguir que Galiza teña, por primeira vez na súa historia, unha muller e unha nacionalista na Presidencia. Por que non? Acaso vaille ben a Galiza con tantos presidentes de forzas subordinadas a Madrid? Non, non nos vai ben. Iríalle mellor a Galiza cunha presidenta nacionalista, si ou non?”, interpelou a un auditorio que respondeu á pregunta cunha ovación, e a que seguiu unha contundente declaración de intencións.

“Non saímos a xogar medio partido, saímos a gañar o primeiro e o segundo tempo, con ilusión, con decisión e sen poñernos límites, porque os galegas e as galegas nin esperan nin merecen menos do BNG”.

Derrotar ao PP nas urnas non chega, insistiu, aí que ir máis aló porque as vindeiras eleccións non poden limitarse a ser “unha alternancia” do bipartidismo español, pois as forzas estatais coinciden na súa discriminación co país.

Presentación da candidatura á presidencia da Xunta 35Ni pitufo gruñón, nin selfies na Moncloa

“Este país non necesita nin un presidente na trincheira da falsa confrontación, -en relación a un Feixóo en modo pitufo gruñón, ironizou-, que usa Galiza para facer méritos ante os seu xefe de Madrid, nin un presidente que se fai selfies co inquilino da Moncloa mentres xustifica a discriminación cos mesmos argumentos de sempre. Galiza está farta deste bucle no que PP e PSOE intercambian papeis para manter o agravio. É hora de dar un xiro de guión, é hora de que Galiza teña unha presidenta nacionalista sen mais obediencia que aos galegos e ás galegas”, salientou a líder do Bloque.

Por iso, a cita coas urnas é a oportunidade de abrir un tempo novo que deixe atrás esa dinámica e puxo como como contrapunto a capacidade do Bloque para facer valer os intereses do país, como ven de demostrar no acordo de investidura.

Presentación da candidatura á presidencia da Xunta 11Rachar coa submisión

“As vindeiras eleccións van de construír país, van de  programas, de propostas, de solucións para o noso futuro colectivo, de rachar coa submisión, de que Galiza se faga valer e avance cara un futuro mellor. Van de dignidade”, proclamou. E para iso está o BNG, unha forza cohesionada e solvente, cun proxecto de país, con ideas e con capacidade de gobernar”.

“Sabemos de onde vimos e sabemos cara onde queremos ir, os galegos e galegas poden confiar no Bloque porque temos un proxecto de país solvente, autocentrado e inclusivo, e capacidade para levalo adiante. Sabemos gobernar”, insistiu, destacando o papel dos gobernos municipais.

Por iso, a alternativa para abrir un tempo novo para poñer Galiza en marcha é o BNG.

“Se tomamos as rendas do noso destino,  vexo un país onde se acabe co o espolio enerxético, que blinde os servizos públicos, que derruba o muro do centralismo, que aposta pola ciencia e a investigación,  os estaleiros coas gradas cheas, montes produtivos e rías saneadas. Vexo a unha mocidade con esperanza, que sabe vai ter salarios dignos e oportunidades aquí, un país mulleres libres, empoderadas, un país que defende a súa lingua, a súa cultura con orgullo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG