Ana Pontón presenta "Xerar Futuro, Galiza Next" con 14.380 M para saír da crise e sentar o desenvolvemento das próximas décadas

“O obxectivo é que desta crise emerxa a Galiza do futuro: ecolóxica, científica, social e feminista”, maximizando os fondos de recuperación

Un programa para cinco retos: transición ecolóxica, transición dixital,  economía verde baseada na I+D+I, saúde e coidados e igualdade de xénero

O BNG quere implicar a toda a sociedade e a todas as administracións, porque está en xogo é a prosperidade das vindeiras xeracións

BNG presentou o programa, Xerar Futuro, Galiza Next unha proposta articulada arredor de 15 ámbitos prioritarios de actuación para mobilizar un investimento de 14.380 M€ en dez anos para saír da crise e para sentar as bases do desenvolvemento das próximas décadas.  Un orzamento que se nutriría dos fondos europeos de recuperación, -Next Generation-, pero tamén do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 da UE.

O documento, cuxas liñas avanzou a portavoz nacional, Ana Pontón, “é unha proposta coherente para converter a crise nunha oportunidade da que emerxa a Galiza do futuro: unha Galiza ecolóxica, científica, social e feminista”. “Noutras palabras, -subliñou-, unha Galiza sustentable no económico e no ambiental; unha Galiza vangardista da man da dixitalización, da ciencia e da investigación; e unha Galiza xusta, inclusiva e con igualdade no social”.

Pontón explicou que  Galiza Next, Xerar Futuro formula alternativas para os retos  que xa estaban aquí e que a COVID tornou urxentes. Retos que sintetizou en cinco: transición ecolóxica e ambiental, transformación tecnolóxica e dixital, o paso a unha economía verde baseada na I+D+i, a saúde e os coidados como piares dunha sociedade inclusiva. E igualdade de xénero que garanta os dereitos das mulleres.

Para afrontar con éxito eses desafíos, o BNG aposta por implicar ao conxunto de axentes económicos, sociais, culturais. “Porque o reto é saír da crise pero non para volver á vella normalidade, senón para dar un paso adiante,  un paso de xigante que nos permita definir a Galiza que queremos para as vindeiras xeracións”, proclamou.

Destacou a súa confianza nun País “con ámbitos nos que podemos ser unha potencia e un referente internacional, pero para conseguilo hai que ter ambición, visión de futuro, proxectos e recursos”. E os únicos recursos extraordinarios son os que ofrecen os fondos europeos de recuperación, “por iso temos a obriga de conseguir até o último euro que lle corresponde a Galiza e temos a obriga de acertar nas medidas que poñamos en marcha porque está en xogo a prosperidade dos galegos e das galegas das próximas décadas”.

E tamén por iso, o Bloque avoga pola participación de todas as Administracións, -Xunta, concellos e deputacións-, desde unha gobernanza en tres niveis “baseada na cooperación, lealdade e eficacia, poñendo por diante o interese xeral nun momento que pide máxima responsabilidade co País e coa súa xente”, alegou.

Xerar Futuro, Galiza Next está estruturado en 15 ámbitos prioritarios con propostas estratéxicas a favor dos sectores produtivos, do tecido de pequenas e medianas empresas que sustentan o emprego ou dos servizos públicos, e enfocado cara un novo paradigma económico verde e tecnolóxico e inclusivo no social.

Entre as prioridades destacou a saúde e os coidados, a ciencia e investigación, a dixitalización, o desenvolvemento industrial, as enerxías renovables, economía circular, a biodiversidade e a ecomobilidade, economía e ecoloxía urbanas, a modernización da Administración, a cultura e o patrimonio e a perspectiva de xénero para a igualdade real.

Centro de alertas epidemiolóxicas

A líder nacionalista avanzou algunhas das propostas dun documento será explicado polo miúdo nas vindeiras semanas. “No ámbito da saúde e dos coidados, se algo aprendemos é que sen servizos públicos fortes capaces de velar pola saúde e polo coidado das persoas non hai futuro, nin no económico, nin no social”, alegou.

Por iso o BNG propón un sistema público de saúde para a Galiza do 2030, que poña no centro a atención primaria e a medicina preventiva; que amplíe a atención hospitalaria; que active un plan de atención a saúde mental; que reverta todas as privatizacións; con medicina personalizada e un centro de alertas epidemiolóxicas. E no relativo aos coidados, a estratexia Fogar para garantir o dereito a unha vellez digna empezando por un modelo de residencias públicas.

“A Galiza do futuro será científica ou non terá futuro”, argumentou, por iso Galiza Next inclúe un programa de captación e retención de talento, reforzar o sistema de I+D+i en colaboración coas universidades ou impulsar a investigación biomédica.

A industria, 25% do PIB

A dixitalización e a implantación das novas tecnoloxías son clave na proposta do BNG, incluíndo a intelixencia artificial e a Big Data. O mesmo que a posta en marcha dunha estratexia industrial que inclúa unha transición enerxética xusta e orientada aos sectores con máis potencial: automoción, aeroespacial, robótica, químico-farmacéutico, forestal, agrogandeiro e mar-industria. O obxectivo é que a industria supoña o 25% do PIB en 2030 e tamén que os fondos cheguen ao tecido produtivo das PEMES e autónom@s.

Galiza Next presta atención ás enerxías renovables con medidas como a creación dunha empresa pública de enerxía e unha axencia para a xestión de residuos que promova a economía circular. Nesta liña, a ecomobilidade, cunha rede ferroviaria modernizada como principal medio de transporte ecolóxico e vertebrador do territorio. Na aposta pola sustentabilidade, a bio-construción e a rehabilitación de vivenda forman parte do programa.

E no ámbito da cultura e do patrimonio, potenciar a capacidade para xerar riqueza e emprego dunha industrial cultural que, ademais, aporta visibilidade e xera identidade. Un documento que tamén inclúe un plan detallado para revitalizar o rural, para a explotación do monte e un plan de rexeneración das rías, unha proposta aberta a través dun proceso de participación, de diálogo e de contraste coa sociedade.


DESCARGA:

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG