Imprimir

Ana Pontón presenta a “candidatura de país” do BNG como proxecto común para darlle voz a Galiza no Estado

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 11 de marzo de 2019

Presentación candidatura
Presentación candidatura

“Nin política do medo nin voto á contra, é o momento de votar a favor da defensa dos intereses nacionais e sociais dos e das galegas”, salientou

Nestor Rego, Maite Ferreiro, Iago Tabarés e Carme da Silva lideran as listas para recuperar presenza no Congreso e a acabar coa discriminación das forzas estatais

A cita electoral do 28 de abril é unha “oportunidade” para que Galiza recupere voz propia no Congreso e para iso o BNG presenta as persoas que lideran o que a portavoz nacional, Ana Pontón, definiu como candidatura de país, “que transcende as propias siglas do Bloque para ser un proxecto común en defensa dos intereses dos e das galegas, un proxecto ambicioso de país”.

“Unha oportunidade para defender os intereses nacionais e sociais do pobo galego”, subliñou durante a presentación das persoas que encabezan as candidaturas nas xerais, “despois dunha lexislatura perdida” na que as forzas estatais demostraron que Galiza “lles importan un pito”, pois o cambio só supuxo unha alternancia na discriminación nunha lexislatura na que, ademais, “faltou valentía” para derrogar as contrarreformas laborais, a Lei mordaza ou a LOMCE.

Neste contexto, “é o momento de apostar polo BNG”, proclamou Pontón, “porque as nosas propostas melloran o país que compartimos, defenden os dereitos das maiorías sociais e ofrecen un horizonte no que ninguén quede atrás”.  Por iso, recalcou, non hai que deixarse levar nin polo medo nin pola resignación.

“Non é momento de deixarse levar pola política do medo nin de votar a contra. É momento de votar a favor de Galiza, dos dereitos sociais e laborais, do feminismo, votar para utilizar os nosos recursos en beneficio do país, a favor das liberdades, dunha convivencia democrática que vexa a plurinacionalidade e o plurilingüismo  como unha oportunidade”, argumentou a líder nacionalista.

Para iso, o Bloque presenta unha candidatura con persoas solventes e comprometidas, “sen ataduras” que, nun escenario sen maiorías absolutas, van marcar a diferencia a favor de Galiza. “Non me cansarei de dicilo: É máis útil para os galegos e as galegas 1, 2, 3 deputados do BNG  que 23 atados de pés e mans ás forzas estatais”, recalcou Pontón.

“Nesta campaña temos que facer que se fale de Galiza, conseguir que os nosos problemas non sexan unha nota a pé de páxina”, indicou a portavoz nacional, tras advertir contra o desfile de cargos de Madrid que só veñen a colleitar votos pero que nada aportan “salvo un centralismo que nos discrimina e nos empobrece”.

Esa “candidatura de país” que se presenta para “sumar por Galiza” está encabezada por Nestor Rego na Coruña, Maite Ferreiro en Lugo, Iago Tabarés en Ourense e Carme da Silva en Pontevedra.

Rego amosou o seu convencemento de que os e as galegas constataron o que significa non ter voz propia no Congreso e a discriminación que supuxeron unhas forzas estatais “subordinadas” a Madrid. “Asumimos o compromiso de ser a voz propia na defensa dos dereitos nacionais e socias de Galiza, unha Galiza que conte por si propia”, salientou.

Forzas propias vs discriminación

“O que non queremos é un Pedro Sánchez que veña a mentirnos descaradamente como no caso de Alcoa, nin a un Pablo Casado que veña dicirnos onde e cando podemos falar galego, nin precisamos de [email protected] que negocian e votan a favor duns orzamentos que son os peores para este país en décadas”. “Confiando nunha forza como o BNG daremos a volta a esta situación desde a certeza de que teremos o apoio necesario para que Galiza recupere a súa voz”, concluíu.

A Galiza interior

Maite Ferreiro fixo unha cerrada reivindicación do interior o do medio rural como a provincia de Lugo á que representa, cun extraordinario potencial no sector agrogandeiro pero que expulsa a xente moza por falta de oportunidades. Cun discurso feminista, a prol da igualdade en todos os ámbitos manifestou “o orgullo, a ilusión e as ganas de traballar pola provincia de Lugo desde un BNG que sempre está ao lado da xente”, concluíu.

Transformar a realidade

Desde Ourense, Iago Tabarés, fixo un chamamento para “rachar coa dinámica” dunha provincia “na que somos famosos por ter máis pensionistas que xente traballando”, na que os problemas seguen a ser os mesmos de hai décadas, e reivindicou un rural no que poder “vivir ben” ,con emprego no sector primario pero tamén na industria, cunha aposta pola I+D+i. “En definitiva, crer en Ourense e para iso precisamos unha forza propia que a defenda”, salientou.

Confianza no pobo galego

Carme da Silva puxo a cidade de Pontevedra cono exemplo do que é posible facer “cando se ten confianza” neste país e na súa xente.

“Cando non buscamos a solución fora senón desde nós, somos capaces de grandes cousas. Non é tempo nin de medos nin de resignación, iso é o que pretenden para que nós quedemos quietas, pero o que necesitamos é un proxecto de esperanza  que esta na capacidade do pobo galego para saír adiante, e o que necesitamos é voz que nos defenda e poña en valor e tome decisións a favor deste pobo nun escenario sen maiorías absolutas. Ese é o compromiso do BNG”, concluíu, animando “a traballar polo noso futuro”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ana-ponton-presenta-candidatura-pais-do-bng-proxecto-comun-darlle-voz-galiza/20190311160046023983.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr