Galegas 2020

Ana Pontón presenta a alternativa de goberno do BNG para reactivar o sector industrial e darlle a volta á desertización que deixa Feixóo

Ana Pontón
Ana Pontón

“Non vou deixar caer ALCOA se teño a responsabilidade de presidir Galiza”, proclama, en contraposición á posición de “brazos cruzados” do xefe do Executivo

“A peor política industrial é a que non existe e foi a que practicou o Goberno do PP once anos xerando deslocalización e perda de galeguidade do tecido empresarial”

O programa de goberno do BNG inclúe un Plan de reindustrialización, aposta pola I+D+i, formación continua do persoal, promover o peche dos ciclos produtivos e normativa contra a deslocalización

O anuncio de ALCOA de despedir á metade do cadro de persoal é o último caso dun proceso de desertización industrial que avanzou imparable nos once anos de Goberno de Feixóo, caracterizado pola desaparición de empresas, a deslocalización e a perda de galeguidade dunha parte do tecido empresarial.

Só no último ano ducias de empresas pecharon ou se viron afectadas por expedientes de regulación de emprego: Meriama, Ferroatlántica, Poligal, Isowat, R, Telefónica, Bosh, Vulcano, Barreras, Unitono, Madeiras Iglesias, Textil Lonia, etc, ás se pode engadir unha longa lista de nomes propios en empresas auxiliares da automoción ou do sector naval. En relación á deslocalización, un estudo do Clube Financiero cifra en 300 as empresas que se trasladaron ao Norte de Portugal nunha década; mentres que o informe anual do CES recoller que o peso relativo da poboación ocupada no sector industrial no norte do país luso é once puntos superior ao rexistrado aquí.

Neste contexto, a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, presentou o programa de goberno do BNG para reverter esta situación e reactivar o sector industrial, “porque a peor política industrial é a que non existe e esa é a que leva practicando Feixóo durante once anos, cos resultados que coñecemos: desertización industrial, deslocalización de empresas e perda de galeguidade para pasar as mans de fondos voitres”, salientou.

A todo isto, “hai que darlle a volta da man dunha política industrial de país como a que o BNG quere poñer en marcha a partir do 12 de xullo”, -subliñou a candidata nacionalista-, quen puxo sobre a mesa as propostas de goberno que presenta a formación nacionalista, empezando por garantir o futuro de ALCOA.

“O peche da factoría é evitable porque hai unha solución, -nacionalización e tarifa eléctrica galega-, e se teño responsabilidade de presidir este país o meu compromiso é claro: non vou deixar caer ALCOA, non vou deixar caer miles de empregos, nin vou deixar caer un sector estratéxico como é a produción de aluminio”, proclamou Pontón, ao tempo que criticaba a estratexia de “brazos cruzados” de Feixóo.

“Como é posible que cunha comarca enteira ameazada de morte Feixóo non teña feito unha proposta, que non se teña reunido co comité de empresa, coa dirección da multinacional ou co Goberno do Estado? Como é posible que non pedira comparecer no Parlamento e unha reunión de urxencia coas forzas políticas? Que ten que pasar para que Feixóo deixe de tirar balóns fora e adoptar decisións? Alguén se imaxina a Urkullu man sobre man cando están a punto de pechar unha empresa vital para o país?”, interpelou Pontón.
 

Galiza precisa canto antes un goberno “que se faga valer” que defenda os intereses dos e das galegas, tamén no sector industrial e iso require planificación e políticas activas, require superar as limitacións impostas desde Madrid e Bruxelas deseñando unha folla de ruta propia colaborando con todos os axentes do sistema industria, explicou a líder nacionalista.

Neste sentido, o programa de goberno do BNG inclúe como liñas de actuación no sector industrial, un Plan de galego de reindustrialización con tres piares: fomentar os sectores con máis potencial,-por exemplo a agroindustria, automoción ou sector aeronáutico-; ordenación do solo industrial en aras do equilibrio territorial e combater a deslocalización de empresas.

De feito, o programa do Bloque prevé unha regulación específica a través dunha Lei de localización empresarial de tal xeito que os préstamos, as axudas e as subvencións estean suxeitas a estritas cláusulas contra a deslocalización que, de incumprirse, obrigarían a súa devolución con intereses.

Igualmente, a estratexia de reactivación do sector industrial da formación que lidera Pontón inclúe un Plan de I+D+i para modernizar o sector industrial, que permita adaptar as estruturas produtivas e organizativas das empresas para ganar en competitividade e, todo iso, unido a unha aposta polo peche de ciclos produtivos como antídoto contra a perda de galeguidade do tecido empresarial e evitar que as empresas caian en mans de fondos especulativos.

Igualmente, a estratexia industrial dun goberno liderado polo BNG inclúe a formación continua dos traballadores e traballadoras e medidas para equilibrar a balanza exterior, para corrixir o desfase entre importacións e exportacións en paralelo a unha aposta pola internacionalización.

Finalmente, o apoio ás PEMES para que xoguen un papel máis importante dentro do sector industrial, porque son a base do tecido empresarial, con medidas que reforcen a súa capacidade produtiva, tecnolóxica e comercial.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG