Ana Pontón: “O PP tira de relato fantástico para afirmar que a sanidade pública vai ben”

Montse Prado e Ana Pontón
Montse Prado e Ana Pontón

Pide ao PP que  mude unha política sanitaria que pon en perigo a saúde das persoas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o Partido popular tira de “relato fantástico” para convencernos do ben que vai a sanidade. Trala Xunta de portavoces, convocada hoxe, para tratar a utilización dunha sala do Parlamento co fin de escoitar as voces que foron vetadas na Comisión de sanidade, Pontón lembrou que o Parlamento é a casa de todos os galegos e galegas e non entendemos que o Partido popular impida utilizar a sala F para darlle voz a aquelas persoas ás que lle impediu participar na comisión “falida” da Sanidade.

A portavoz do BNG preguntou como o Partido popular pode continuar afirmando que a sanidade vai ben  cando hoxe mesmo hai convocada unha manifestación en Vigo para denunciar os recortes e privatizacións da Sanidade pública galega. Como vai a ir ben  sanidade cando dimiten 25 Xefes de servizo de Atención Primaria, cando segue en folga o persoal de Urxencias e os e as profesionais dos PACs levan un ano denunciando que están ao límite?.

A portavoz nacionalista reiterou o “intento de censura” da comisión paralela de sanidade que en ningún momento, explicou, perseguiu suplantar a outra comisión. Simplemente busca darlle voz aquelas persoas que o Partido popular non quere que se escoiten no Parlamento. Na Xunta de portavoces,  o Partido popular chegou “ao absurdo” ao criticar que os tres partidos da oposición convoquemos unha reunión nunha sala na que habitualmente celebramos actividades os diferentes grupos parlamentarios. Nesta ocasión, engadiu Pontón,  o PP considerou ilegal que un familiar da persoa falecida no PAC da Estrada e dous profesionais sanitarios compareceran. Este argumento, recalcou  é tan “cutre” que descualifica  per se ao Partido popular.

Finalmente, a portavoz do BNG pediu ao Partido popular que “rectifique” e advertiu que por “moitos paus” que queira poñer na roda, non vai conseguir que o BNG silencie o deterioro na sanidade pública. Ao seu xuízo, sería moito máis “útil” que utilizaran eses esforzos para mudar unha política sanitaria que pon en risco a vida das persoas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG