Ana Pontón pon o goberno de Adolfo Muíños en Rianxo como exemplo dun modelo BNG a favor das persoas

Pon a rehabilitación das antigas vivendas das mestras en aluguer social, como exemplo do cambio transformador do Bloque desde os concellos

O alcalde e candidato destaca que esta actuación combina “recuperación urbana e política social de vivenda”

En Dodro o apoio para que Xoán Mariño lidere o vindeiro goberno local

A portavoz nacional, Ana Pontón, coñeceu de primeira man un proxecto de vivenda social do Goberno local de Rianxo, un exemplo máis de como o modelo municipal do BNG transforma en positivo mellorando a vida das persoas. Por iso, a líder nacionalista instou a todas as persoas que reclaman un cambio transformador desde os concellos a que o 26M collan a papeleta BNG.

“Onde gobernamos transformamos vilas e cidades, cun proxecto sólido, que mellora a vida das persoas e demostra con feitos que logra concellos cun urbanismo sostible, ben xestionados, honestos, feministas e con orgullo da nosa identidade, a nosa cultura e a nosa lingua. Esta é a proposta do Bloque para o 26M: estender un modelo municipal de referencia, un modelo que funciona e sendo  garantía de cambio real”.

Pontón puxo o proxecto de vivenda social en aluguer que desenvolve o goberno de Rianxo, -liderado polo actual rexedor e candidato á reelección, Adolfo Muíños-, como un exemplo de goberno “a favor das persoas” que identifica ao BNG. Pese a non ter competencias en materia de vivenda, “aposta por políticas de inclusión social, de integración, que non deixan a ninguén atrás e que tenden a man ás persoas, as familias con menos recursos”.

Unha proposta nas antípodas dun PP “que salvaba á banca mentres se desafiuzaba a miles de persoas sen alternativa algunha”, por contra o Bloque defende unha política social de vivenda con medidas como que os inmobles da SAREB se transfiran ás administracións públicas “para poder cubrir demandas sociais de vivenda, debería ser unha proposta que asumira o goberno do Estado”.

Pontón tamén denunciou como o PP “no que milita Feixóo”, onde tiña responsabilidade de goberno, “vendeu miles de vivendas de protección a fondos voitre sen ningunha garantía para as familias ou deixando sen posibilidade de emanciparse á xente moza que non pode pagar un aluguer aos elevados prezos de mercado fronte aos seus salarios”, argumentou.

Pola súa parte, o alcalde e candidato, Adolfo Muíños, destacou a importancia deste proxecto de rehabilitación de vivendas.

DodroRestauración urbana e política social

“A restauración dunhas antigas vivendas de mestr@s que levan 50 anos abandonadas pero que agora cobran nova vida para facilitarlle unha vivenda digna con aluguer social a familias con poucos recursos ou, por exemplo, a vítimas de desafiuzamentos”. Trátase, explicou, dun proxecto que combina rehabilitación urbana no centro do concello e política social.

“Énchenos de orgullo poder facer esta actuación porque predicamos e damos exemplo con este paquete de vivendas con prezos sociais, e as catro primeiras estarán listas nun par de meses”, indicou Muíños.

Desde o goberno de Rianxo, indicou o alcalde e candidato, “non nos resignamos a non ter vivenda social” para atender as familias que a precisan, e por iso, ademais dunha segunda fase que completará a rehabilitación das antigas casas das mestras, anunciou que dispoñen dunha parcela que ofrecerá para a construción de vivenda a prezos accesibles.

As grañas de Laíño e Lestrove

Tras visitar a vila natal de Castelao, Pontón mantivo un encontro en Dodro coa candidatura que lidera Xoán Bautista Mariño Abuín, para quen pediu á veciñanza un apoio contundente que lle permita liderar o próximo goberno municipal e aplicar tamén neste concello o modelo do BNG á favor da veciñanza.

Mariño Abuín salientou a aposta pola recuperación ambiental e económica das brañas de Laíño e Lestrove, pois ademais de ser un valioso patrimonio natural debería servir tamén para revitalizar unha produción agraria “case desaparecida”. Para conseguilo, Pontón pediu o voto para a candidatura do BNG, “porque temos un proxecto para recuperar a capacidade produtiva destas brañas e conseguir xerar riqueza e emprego aproveitando os recursos naturais”.

“Dodro precisa un alcalde con dinamismo, con empuxe e que confíe no potencial que ten este municipio, e Xoán representa a opción de cambio real neste concello, cun BNG á alza, reforzado que está traballando con toda ilusión e tende a man a todos os veciños e veciñas. Por iso, o 26M imos ir a por todas”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG