Ana Pontón pide un plan de industrial que free a situación de SOS do sector industrial de Vigo e a súa comarca

Manifestación Vigo
Manifestación Vigo

“Que Feixóo se poña a traballar porque non podemos ter un goberno en campaña permanente”, criticou

O BNG defende a intervención de Vulcano e Barreras porque o naval é estratéxico para a cidade

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o portavoz municipal en Vigo, Xavier Pérez, encabezaron a representación do BNG na manifestación convocada pola CIG para denunciar a crise industrial de Vigo e a súa comarca e reclamar solucións de futuro, tanto á Xunta como ao Goberno central.

“Saímos as rúas para enviar un SOS pola situación de desertización industrial que vive Vigo e a súa comarca tras perder máis de 7.000 postos de traballo desde 2009, a inmensa maioría deste emprego destruído, -máis de 4.000-, no sector industrial”, salientou Pérez Igrexas, quen alertou da situación crítica da industria en particular nun sector clave como o naval, “como se reflexa no inminente peche de Vulcano, na crise de Barreras”, sen esquecer “as dificultades polas que pasa o sector da automoción”.

Pontón salientou que a crise industrial afecta “de cheo” a Vigo, “e levamos vendo nos últimos anos como a primeira cidade de Galiza, que sempre foi un dos seus motores industriais, está perdendo posicións porque se están desmantelando empresas e destruíndo emprego industrial”.

Manifestación VigoPor iso, desde o BNG “reclamamos un plan de industrialización para a comarca de Vigo e que para iso a Xunta ten unha responsabilidade directa, e ten que haber unha intervención pública de Vulcano  e Barreras,  no primeiro caso para convertelo no centro de reparacións navais da Ría de Vigo; e no segundo caso que a Xunta rescate ese estaleiro, salve 1.000 empregos e a un sector no que Galiza ten capacidade”.

A líder nacionalista fixo fincapé na urxencia de tomar medidas necesarias “ante unha desaceleración económica”, e neste contexto “non podemos ter gobernos non xa en funcións senón de vacacións, cunha Xunta en campaña permanente incapaz de poñer sobre a mesa medidas reais para frear o desmantelamento. Hai sectores claves en crise que non poden esperar a que Feixóo decida poñerse a traballar”.

Pontón sinalou que pese a crise do sector industrial, con 6.000 empregos en xogo de norte a sur do país, “non vemos que nin a Xunta nin ao Goberno do Estado actuar, nin poñendo sobre a mesa alternativas viables para que existan perspectivas de futuro”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG