Ana Pontón pide en Lugo sair a rúa o 25X contra a discriminación do Estado con esta provincia

Ana Pontón en Lugo
Ana Pontón en Lugo

Ferrocarril do século pasado, autovías que se demoran décadas e os prezos máis baixos do leite nun sector estratéxico, exemplos do agravio

Demanda da Xunta a restitución dos proxectos de revitalización da Tinería

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Lugo nos actos que o BNG organiza dentro da campaña de celebración do Día da Patria, que aproveitou para instar a participar na tradicional manifestación do 25 de Xullo como mobilización en contra da discriminación que soporta a provincia.

“Como dicía Castelao, é o día da festa maior de Galiza, no que reivindicar que somos un pobo que quere avanzar e progresar pese á discriminación do Goberno central que trata a este país como a última carta da baralla”, criticou Pontón. Por iso, insta a  “reaccionar cun exercicio de dignidade colectiva reclamando o que nos corresponde”, indicou desde o Barrio da Tinería, corazón do centro histórico da cidade.

Para a portavoz do Bloque a provincia de Lugo acumula exemplos do agravio do Estado, empezando pola autovía Lugo-Santiago “da que xa se falaba cando fun estudar a Compostela, e vinte anos despois sigo sen poder viaxar por esa autovía, mostra do abandono das administracións”. “Teríamos que poñer en marcha a campaña Lugo tamén existe”, reivindicou.

O transporte ferroviario é outro exemplo do agravio coa provincia, “porque temos un ferrocarril do século pasado e os veciños e veciñas de Lugo teñen o mesmo dereito a ter un transporte por ferrocarril digno que, ademais, contribúa a dinamizar a economía na provincia”. Dentro da actividade produtiva, o estratéxico sector lácteo “no que os e as produtoras de leite soportan o prezo máis baixo do Estado”, denunciou.

Este rosario de discriminacións prodúcense ante a inacción de Feijóo que, en vez de exercer como presidente de Galiza, é cómplice necesario dos agravios do Estado. “Por iso o BNG propón que este 25 de xullo reivindiquemos un trato xusto e de respecto para os e as galegas”, recalcou.

Pontón, xunto co portavoz municipal, Rubén Arroxo, a deputada por Lugo Olalla Rodil, militantes e simpatizantes, fixo un breve percorrido simbólico polo camiño primitivo ata a Tinería, onde reclamou a recuperación dos investimentos e dos proxectos que a Consellería de Vivenda levou cabo neste barrio no bipartito.

“O PP fala de 20M€ de investimentos, pero esquécese de dicir cando porque foi durante o Goberno bipartito en proxectos que despois quedaron paralizados polo Executivo de Feijóo nun barrio espléndido que empezaba a recuperarse antes desta marcha atrás que significou a volta do PP á Xunta”

Por iso,  a portavoz nacional demandoulle ao presidente galego que active os proxectos paralizados fai oito anos, que se continúe coa rehabilitación e que se faga un proxecto de revitalización social do barrio.

“Lugo ten un casco vello espectacular, e cando se fala da referencia de Pontevedra é porque houbo un goberno do BNG que apostou polo seu centro histórico”, alegou Pontón, que considera que o mesmo se podería facer na Tinería para converter o barrio “nun dos corazóns da cidade vella de Lugo”.

O que non ten ningún futuro, dixo, “é o exercicio absurdo de propaganda do PP nun intento de frear a nosa denuncia de paralización deste barrio”.  “O mellor que poderían facer é esixir a realización dos proxectos varados en lugar de lavarlle a cara á Xunta porque os problemas da Tinería son coñecidos por toda a veciñanza de Lugo”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG