Galegas 2020

Ana Pontón pide unha gran mobilización e sumar no BNG todo o voto de país desde o inconformismo e a esperanza no cambio galego

Acto Ribeira
Acto Ribeira

En Ribeira compromete que o sector pesqueiro será prioridade estratéxica “porque somos un país altamente dependente da pesca e xera miles de empregos”

Convencida de que é posible abrir un tempo novo, pide superar as enquisas o 12X: “hai partido e saímos a ganalo para construír unha Galiza nova e con futuro”

Rivas destaca a importancia de contar na Xunta cun goberno que defenda os servizos públicos

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, salientou á onda de cambio galego que percibe arredor do BNG para pedir unha gran mobilización nas urnas de todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza e facer historia para que, por primeira vez, este país teña unha muller presidenta liderando un goberno coas mans libres para facer valer os intereses deste país e da súa xente.

Para conseguilo, Pontón fixo un chamamento á mobilización desa maioría social que quere deixar atrás once anos de decadencia e inmobilismo: “non se pode perder nin un só voto, que ningún voto do cambio galego se quede na casa, se nos mobilizamos haberá un cambio real que nos permita empezar a construír unha Galiza con futuro, na que poder vivir e traballar, con benestar social”.

No mitin de Ribeira, a candidata á Presidencia instou a sumar no Bloque “todo o voto de país, todo o voto inconformista, o voto da ilusión e da esperanza para que o 12 de xullo celebremos que deixamos atrás a decadencia da Galiza minguante legado do candidato do PP, para dar paso a un país próspero, moderno, produtivo, que sexa a envexa de Europa, da man do proxecto autocentrado, con ideas, solvente e con estratexia que representa o BNG”, alegou.

Acto Ribeira Nunha xornada abondosa en enquisas, Pontón apelou a superalas: “hai partido e saímos a ganalo, entre todos e todas seremos capaces de derrotar as enquisas, de derrotar á dereita de Feixóo candidato, se nos mobilizamos este 12 de xullo”, declarou convencida.

Tras ironizar sobre o feito de que o candidato do PP celebrase un acto sectorial de pesca en Santiago, ao lado dun estanque con patos, Pontón destacou en Ribeira que Galiza é unha potencia pesqueira e que, se ten o apoio dos e das galegas para liderar o país, este sector será unha prioridade estratéxica dun goberno BNG, empezando por poñer fin ao disparate de que as grandes decisións sobre “o noso mar e a nosa costa se tomen desde un despacho de Madrid”. Por contra, destacou a vontade de exercer as competencias sobre o litoral galego, impulsar o saneamento integral da rías, mellorar a cadea de comercialización dos produtos do mar para xerar máis valor engadido destacando a orixe do produto na venda ao consumidor.

No terreo das competencias, o BNG defende a transferencia da competencia sobre navegación marítima, inspección de buques e salvamento así como e dos portos de interese xeral. Tamén avanzou como liñas de traballo conseguir un reparto de cotas que deixe de discriminar á frota galega, reivindicará a supresión do “obsoleto” principio de estabilidade relativa, para que o actual sistema de cotas dea paso a outro que garanta a actividade económica e do emprego. “Somos unha potencia pesqueira e o meu compromiso é que liderar un goberno aliado dun sector que xera miles de empregos”, concluíu.

Acto RibeiraConfianza para facer realidade a Galiza soñada

Pontón deixou claro que co “proxecto solvente, serio, con ideas e autocentrado” que representa a súa candidatura outra Galiza é posible, e pediu a todos os galegos e galegas que se atrevan a dar o primeiro paso para facer realidade esa Galiza “que soñamos”: encher as urnas de papeletas ao BNG.

“Este é o momento de recuperar a ilusión por poñer un país novo en marcha. Este é o momento de votar diferente, de votar BNG, de facer historia, de que Galiza abra de verdade un tempo novo e gañemos un futuro diferente e mellor como país. Este é o momento de confiar e de votar polo cambio galego. E eu prométolles que non lles vou fallar, que un Goberno galego que eu encabece non lles vai fallar”, concluíu.

Xustiza social

Pola súa parte, o cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, fixo unha pechada defensa dos servizos públicos e dos servizos sociais, destacando o empeño do BNG por reverter todos os recortes e privatizacións destes once anos de Goberno da dereita. “Sempre dimos a batalla pola sanidade, pero se algo nos ensinou a COVID19 é que un sistema público de saúde é clave se queremos garantir a saúde da poboación”, recalcou, igual que é clave, dixo, “mudar o actual modelo de residencias privatizado polo PP para camiñar cara un un sistema no que se garanta o dereito das persoas maiores a unha vellez digna”.

O cambio galego significa tamén unha Galiza “con xustiza social” e neste sentido, Rivas destacou que o BNG vai desenvolver unha política de vivenda pública que permita facer realidade o dereito a unha vivenda digna, tanto entre a xente moza como entre as familias con menor renda nun país no que os salarios están entre os máis baixos do Estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG