Ana Pontón pide a Feixóo “que dea a cara” ante a crise do sector industrial que perdeu 22.500 empregos

Debe garantir que Ferroatlántica non se converte nun “pelotazo” de Villar Mir e que ALCOA teña continuidade produtiva e laboral na Coruña, alega

POLIGAL, ISOWAT, ALCOA, Ferroatlántica son algúns dos exemplos da crise industrial que vive Galiza que desde 2009 deixa 22.500 empregos menos, un incremento da precariedade no sector e unha caída na produción que, en 2018, foi a máis alta de todo o Estado.

Unha situación que o Bloque ve con “preocupación maiúscula”  e da que, a portavoz nacional, Ana Pontón, responsabiliza ao presidente da Xunta e a súa incapacidade política para defender os intereses do país. “Galiza precisa un presidente a tempo completo e non un inquilino de Montepío que está centrado en solucionar os batacazos electorais do PP”, recalcou, “Feixóo ten a responsabilidade de dar a cara e non chega con facer oposición do Goberno central simplemente porque é doutro partido político”.

Pontón responsabiliza tamén ao goberno central de Pedro Sánchez, pero lembra que foi o PP quen aprobou o actual modelo enerxético que pon na picota miles de empregos nun país que produce electricidade a esgalla, que o PP sempre vetou a tarifa eléctrica galega e que a Xunta ten competencias exclusivas en materia industrial.

A líder do Bloque avanzou que neste pleno abordará a situación tanto de ALCOA como de Ferroatlántica. No primeiro caso a través dunha proposición non de lei na que se reclama un marco enerxético estable e o apoio do Parlamento para deixar claro ante o Estado que a única alternativa para a fábrica da Coruña pasa polo mantemento da produción e do emprego.

En caso de que chegado o 30 de xuño as posibles ofertas de adquisición non cumpran ambos requisitos, “a única oferta que lle vale a Galiza”, indicou Pontón, o goberno central ten que optar “por unha intervención temporal” da factoría até atopar un comprador que garante a produción de aluminio e os postos de traballo na cidade herculina.

O BNG tamén vai abordar no pleno a situación de Ferroatlántica despois de que Villar Mir anunciase a venda da fábrica de Cee e da explotación das concesión hidroeléctricas do río Grande e do río Xallas, venda que só é posible coa autorización da Xunta. “Queremos que Feixóo se pronuncie sobre este punto porque temos serias dúbidas de que esta operación non teña como fin que Villar Mir dea un pelotazo, pero hai unha cuestión clave: a venda non depende do que diga este empresario senón do que diga a Xunta de Galiza e o seu presidente”, alegou.

A dirixente nacionalista lembrou que os antecedentes non infunden tranquilidade, pois foi a “lasitude” do PP a que lle permitiu á multinacional incumprir a súa obriga de investimentos e de creación de emprego na planta da Costa da Morte, ambas vinculadas á concesión das explotacións hidroeléctricas. “Galiza non está para salvarlle os mobles a Villar Mir, nin para saldar as súas débedas por unha mala xestión noutros territorios”, argumenta Pontón.

“Feixóo é responsable directo da situación que vive o sector industrial e non pode poñerse de perfil”, criticou en relación a falta de iniciativa dun presidente da Xunta que até agora “demostrou desidia e incompetencia política para defender os intereses de Galiza mesmo en algo tan básico como que o país se beneficie do seus recursos enerxéticos”.

Pactos municipais

En relación á conformación dos futuros gobernos municipais, a preguntas dos medios Pontón reiterou que o BNG ten un compromiso claro para facilitar unha alternativa á dereita alí onde sexa posible, pero advirte que debe haber a mesma responsabilidade por parte das outras forzas políticas. Neste sentido, cualificou de “estraños” os movementos do PSOE en determinados concellos como Fene ou Viana do Bolo onde a formación nacionalista ten opcións a liderar os gobernos municipais.

No caso concreto do concello e da deputación de Ourense, a dirixente do Bloque considera que Feixóo está mandando a mensaxe “de que está disposto a todo con tal de manterse no poder”, cando a cidadanía foi clara pedindo relevo en ambas administracións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG