Ana Pontón pide a Feixóo que compareza no Parlamento para dar conta da axenda que tratará co Estado

Ana Pontón
Ana Pontón

En relación ao AVE: “Xa está ben de que PP e PSOE utilicen Galiza como arma de confrontación partidista e cambien o discurso en función de quen se sente na Moncloa”

Propón unha partida extraordinaria para Galiza nas contas de 2019 cos 1.200M€ non executados entre 2015/17, 996 en obras da alta velocidade

A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta que compareza no Parlamento para explicar os temas que conformarán a axenda que levará ao seu encontro co presidente do Executivo central, para recabar a opinión dos grupos da oposición e consensuar unha axenda de país que defender ante o Goberno do Estado.

Unha axenda que para o BNG debe incluír a transferencia da AP-9, a inclusión desta infraestrutura nas autoestradas que van quedar exentas de peaxes, -posto que se construíu nas mesmas datas que as que agora se liberalizan-, tarifa eléctrica galega, 180 millóns de euros que o anterior goberno adebeda a Galiza por dependencia, a chegada do AVE e modernización das cercanías e un novo sistema de financiamento.

“Non é de recibo que a proposta de financiamento da Xunta sexa un expediente X do que nada se sabe neste Parlamento pese as peticións do BNG, e que agora Madrid vaia coñecer a suposta proposta do Goberno galego nesta materia antes que esta Cámara”, criticou Pontón.

Ademais, a dirixente do Bloque tamén foi moi crítica coa debate suscitado nos últimos días entre a Xunta e o Goberno do Estado a raíz do AVE que, a xuízo da líder nacionalista, só demostra que, unha vez máis, PP e PSOE volven usar Galiza como arma de confrontación partidista ignorando os intereses dos e das galegas.

“É unha cuestión de país, pero vemos como as forzas estatais converten este asunto nun novo pim-pam-pum partidista utilizando Galiza como arma arroxadiza no seu particular xogo de tronos, volven usar Galiza como elemento de desgaste, cunha posición que varía segundo quen estea sentado na Moncloa pero sen unha preocupación real polos intereses deste país”, alerta.

Neste sentido, Pontón considera que “nin o PSOE do señor Caballero pode ir a Madrid a facilitar o camiño para que o Goberno do Estado anuncie que o AVE vai ter un novo retraso, nin o PP do señor Feixóo pode enchese a boca dicindo que non permitirá un só retraso na alta velocidade cando leva dez anos permitindo retraso tras retraso, discriminación tras discriminación”, argumentou.

A dirixente do Bloque lembra que nesta década de complicidade co agravio sistemático a Galiza, “Feixóo estivo calado mentres o Goberno central deixaba de investir 1.200 M€ previstos no orzamento do Estado no período 2015-2017 pero que non foron executados. Dese diñeiro consignado e non investido, case 1.000 M€ eran para as obras do AVE”, indicou.

Defensa de Galiza, goberne quen goberne no Estado

Para a portavoz do BNG, nese intercambio de roles en función de quen ocupe a cadeira na Moncloa os que saen perdendo son sempre os galegos e as galegas, fai unha proposta para recuperar os cartos perdidos por falta de execución.

“Propoñemos que desde o Parlamento se impulse unha petición unánime para reclamar do Estado unha partida extraordinaria nos orzamentos de 2019 que inclúa os 1.200 millóns de euros que o Goberno central deixou de investir en Galiza durante o período 2015-2017”, formulou Pontón, ao tempo que insistía “en sacar adiante unha axenda galega con temas de país, consensuados no Parlamento para defender ante o Executivo do Estado, goberne quen goberne”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG