Ana Pontón pide a Feixóo que abandone o pasotismo e negocie un financiamento que beneficie a Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

A proposta do presidente concretarse en tres puntos: Esperar o que diga Madrid, opacidade co Parlamento e criticar o que logran outros territorios

Pídelle que deixe de sobreactuar para agochar os erros e reclame unha compensación se Montoro confirma a quita ás CCAA que usaron o FLA

A portavoz nacional, Ana Pontón, pregúntase se o encontro de hoxe do presidente da Xunta co presidente do Estado se saldará cunha “gran entroidada” para Galiza en materia de financiamento, tendo en conta que este é un ano decisivo na negociación do novo sistema de financiamento autonómico, asunto clave no que o país se xoga o seu status político e o benestar futuro dos e das galegas.

Pese a relevancia do debate, o xefe do Executivo galego está instalado no “pasotismo”  debilitando a posición de Galiza. “Feixóo esta en modo pasota e o seu pasotismo supón o risco de máis recortes, un risco para os servizos públicos e o risco de que os galegos e as galegas vivan peor no futuro. Iso é o que está en xogo neste momento da negociación onde todos os demais territorios están collendo posicións”, advertiu Pontón.

Ese “pasotismo” que denuncia a dirixente nacionalista plásmase na non-proposta de financiamento do presidente da Xunta, que sintetizou en tres puntos: “Esperar a ver que decide Madrid e que propón Montoro, opacidade co Parlamento de tal xeito que, a día de hoxe, non ten remitido nin un só documento oficial onde consten as propostas para un novo modelo de financiamento. E, como terceiro punto, laiarse e criticar os logros dos demais sen ter nin unha soa proposta a favor de Galiza”, argumentou.

Pontón lembrou que o actual sistema de financiamento supuxo unha perda de 9.000  millóns de euros para este país desde a súa entrada en vigor en 2009, e agora Galiza enfrontase a unha nova discriminación millonaria se, en plena negociación, a Xunta non presenta unha proposta favorable, perda de recursos imprescindibles para financiar os servizos públicos, a dependencia, ou para atender as necesidades dunha Xustiza que vive a súa primeira folga xeral.

Feixóo, “en modo pasota”, reiterou,  non ten presentado proposta algunha de modelo de financiamento para Galiza, situación de indefensión á que agora se suma o anuncio do ministro de Facenda, Cristobal Montoro, de aplicar unha quita a todas as CCAA que pediron financiamento adicional ao Estado, nomeadamente a través do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA).

“Cometeu unha gran irresponsabilidade empeñado en ser o campión dos recortes, provocando máis sufrimento na poboación e, mentres outros gobernos optaron por solicitar máis financiamento a través destes fondos e reducir o impacto dos recortes, Feixóo recortou máis que en ningún outro lado, debilitando os nosos servizos públicos e, de paso, debilitando a posición de Galiza no debate de financiamento”.

Soberbia e incompetencia

Neste sentido, o BNG propón que o Parlamento acorde solicitar que Galiza sexa compensada se finalmente Montoro confirma a aplicación da quita aos territorios que acudiron masivamente ao FLA, “porque os galegos e galegas non poden pagar a soberbia e a incompetencia do presidente da Xunta”, alegou.

Do total dos fondos do FLA, -231.786M€ entre 2012-2017-, Galiza só recibiu 7.043,6 millóns de euros, menos do 3%, Cataluña obtivo 70.909,6M€, Valencia 53.756, Andalucía 35.050, Castela La Mancha 14.735 ou Murcia 9.665 M€.

“Agora non chega con laiarse ou sobreactuar para tapar este erro como fai Feixóo”, salientou Pontón, un erro que non só fixo perder recursos a Galiza senón que debilita a súa posición no proceso de negociación do futuro modelo de financiamento, posto que o ministro de Facenda xa dixo que este fondo cubría déficits de financiamento das CCAA”. Polo tanto, aqueles territorios que rexeitaron eses recursos adicionais mandan a mensaxe de que non están infrafinanciados, como fixo o presidente da Xunta.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG