Ana Pontón pide a Feijóo que negocie bilateralmente co Estado un financiamento xusto para Galiza

“A única reunión que lle interesa a este país é a súa con Rajoy, porque a negociación de verdade é co Estado, non en Oviedo”, indicou

Na súa biografía está ser cómplice da suba continuada da AP9, en 2018 peaxes máis altas nun país con salarios máis baixos”, denunciou

A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para denunciar o custe da “irrelevancia política” á que o presidente da Xunta conduce a Galiza que se traduce en “facturas e máis facturas” que pagan os galegos e as galegas,  como a da pobreza enerxética nun país que exporta electricidade ou a subida das peaxes AP9, que son unha estafa legalizada.

Pontón advertiu doutra factura que prepara Madrid “especialmente gravosa”, pois afecta ao financiamento autonómico “que xa nos ten costado unha millonada”. Para parar este novo custe, a portavoz do BNG pediu a Feijóo que inicie unha estratexia de negociación bilateral co Goberno central co vía para conseguir un financiamento que non discrimine a Galiza.

“En materia de financiamento a única reunión que nos interesa como país é a súa co presidente do Estado, un encontro para unha negociación bilateral Galiza-Estado, de igual a igual, de tu a tu, e conseguir un sistema de financiamento xusto para este país”, expuxo Pontón, “paréceme moi ben que viaxe a Oviedo, que se quite unhas fotos e asine os protocolos que queira. Pero temos experiencia dos resultados deste tipo de cumios co fiasco do Corredor Atlántico. Señor Feijóo, a negociación de verdade é co Estado, non en Oviedo”, argumentou.

A dirixente do Bloque cualificou de “escándalo” que a Xunta non teña remitido á Cámara ningunha proposta, documento ou posición oficial. “Só temos as declaracións do presidente dicindo que somos dependentes, que Galiza depende do Estado, afirmación que supón unha emenda ao seu propio goberno porque está dicindo que non confía neste país, e revela a súa mentalidade acomplexada”, criticou.

Por contra, o BNG ten plena confianza na capacidade de Galiza para xestionar o 100% dos seus recursos e poñer en marcha unha fiscalidade propia, por iso aposta por un concerto económico como modelo de financiamento.

Pontón pediu a Feijóo “que deixe de criticar a todo o mundo para exculpar a Rajoy”, porque iso beneficie ao presidente do Estado, pero ten un custe que pagan os galegos e as galegas. Entre esas facturas, a da AP9, cun novo incremento en 2018.

“Na súa biografía ten ser cómplice das subidas continuadas da AP9, ser cómplice da última subida de Rajoy do 3% para o próximo ano, peaxes máis altas nun país cos salarios máis baixos. Esa é a súa contribución, e non pode dicirnos que hai un aforro cando imos pagar cinco millóns de euros máis a unha concesionaria que ten uns beneficios escandalosos”, argumentou.

O Everest da factura da luz

A AP9 non é a única “factura” que Feijóo carga sobre a cidadanía como consecuencia “do seu empeño en caer simpático a Madrid”. Súmase a factura da luz, “auténtico Everest” para medio millón de fogares que padecen pobreza enerxética nun país que exporta electricidade, “pero limitase a poñer parches con bonos sociais para xustificar o seu veto a unha tarifa eléctrica que lle permita a familias e PEMES beneficiarse da nosa riqueza enerxética”. “Vostede defende os intereses das eléctricas e eu estou do lado dos galegos e das galegas”, proclamou Pontón.

“Galiza merécese un presidente que defenda os intereses dos e das galegas en lugar de defender os intereses de Rajoy. Non se confunda, Rajoy non é Galiza”, concluíu a portavoz do Bloque.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG