Ana Pontón pide que compareza Feixóo no Parlamento ante a evolución da pandemia e para presentar o plan de vacinación

Ana Pontón
Ana Pontón

Ao actual ritmo, Galiza precisaría catro anos para vacinar ao 70% da poboación polo que demanda un plan con medios, persoal e estratexia

Prioridades do BNG: saír canto antes da emerxencia sanitaria e económica

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG solicitou a celebración da Deputación Permanente para pedir a convocatoria dun pleno extraordinario e a comparecencia urxente do xefe do Executivo en base a dúas cuestións: para que explique as medidas do goberno ante a preocupante evolución da pandemia e para que presente o plan de vacinación.

“Este Parlamento non pode estar inactivo mentres a evolución dos datos da pandemia mostran claramente que estamos de cheo na terceira onda e cando o presidente da Xunta di que nos esperan días durísimos”, salientou a líder nacionalista nun almorzo informativo onde explicou a prioridade do Bloque para este período de sesións: conseguir que Galiza supere canto antes a situación de emerxencia sanitaria e económica na que se encontra.

E para iso, -argumentou-, no aspecto sanitario é importante facer ben as cousas na xestión da pandemia e, na parte económica, conseguir un trato xusto nos fondos de reactivación europeos. No primeiro caso, Pontón reclamou a Feixóo “un cambio de rumbo, que supere dunha vez a improvisación e se anticipe aos problemas”, facendo fincapé no plan de vacinación que é o gran reto e a gran esperanza para conter e superar o virus.

“De ningún modo Feixóo pode repetir a improvisación e a falta de planificación que mostrou na xestión de toda a pandemia tamén no proceso de vacinación. Por iso, pedimos que presente no Parlamento un plan de vacinación con medios, con persoal, con calendario, con mando único e no que se defina a loxística para conseguir que a poboación galega reciba a vacina no menor tempo posible”, reclamou Pontón, preocupada pola falta de concreción ante un proceso de moita complexidade que  non ten precedentes na sanidade pública.

“Só unha reflexión: para completar a vacinación das persoas usuarias e traballadoras das residencias, -un colectivo de 40.000 persoas-, Feixóo comunicou que precisaría un mes. A ese ritmo, o Goberno galego precisaríanse catro anos para completar a vacinación do 70% da poboación e seis para que a vacina chegue ao todos os galegos e galegas”, advertiu.

Entre as preguntas que precisan unha resposta, cuestións como cantos enfermeiros e enfermeiras se van contratar, cal vai ser o protocolo nos centros de saúde e hospitalarios, como se vai compaxinar este proceso co funcionamento ordinario dos centros, como se vai convocar á poboación, con que calendario e con que coordinación. “Son todas cuestións que merecen resposta e concreción e por iso pedimos a comparecencia urxente de Feixóo en pleno extraordinario”, recalcou.

No ámbito sanitario ademais, o BNG demanda reforzar a atención primaria, “é obsceno que siga sen ter os recursos que precisa a estas alturas da pandemia”- declara-, incrementar os rastrexos e facer cribados masivos nas cidades e nos concellos máis afectados.

En relación á emerxencia económica a formación nacionalista traballa con obxectivos concretos. Primeiro, conseguir un trato xusto e a xestión directa dos fondos europeos dos que, considera, debe recibir un mínimo de 12.600 M€ e, segundo obxectivo, conseguir un modelo de financiamento autonómico que lle permita a Galiza ter a chave dos seus cartos, un concerto económico co que xestionar o 100% dos recursos e fixar a súa política fiscal.

Preguntada por se o BNG é partidario de endurecer as medidas, Pontón indicou que o Goberno da Xunta debe ser “valente” e que adoptar todas as medidas que se consideren necesarias para salvar vidas, e que o que non é admisible e que se descargue na responsabilidade individual a contención do virus, nin peches encubertos á hostalería sen aportar axudas a un dos sectores máis impactados pola crise.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG