Ana Pontón pide a comparecencia urxente de Feijóo pola situación da AP-9 e do transporte público

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica a incapacidade do presidente da Xunta para chegar a acordos de país, afectado pola prepotencia do “síndrome de Montepío”

O BNG presentou 1.645 iniciativas parlamentarias fronte a atonía lexislativa do Goberno do PP

O BNG considera que hai dúas cuestións que non poden quedar aparcadas ata o inicio do novo curso político e solicita a comparecencia urxente do presidente da Xunta en pleno extraordinadio para que dea explicacións sobre a situación da AP9 e do transporte público. Por iso solicita a reunión da Deputación Permanente.

En relación á AP9, a dirixente nacionalista ve necesario que Feijóo dea explicacións despois de que puxera en dúbida a viabilidade da transferencia que reclama o Parlamento e, en relación ao conflito do transporte público, o BNG urxe explicacións pola desaparición do transporte escolar que co plan da Xunta pasa a realizarse no servizo regular de pasaxeiros.

“Vemos con moita preocupación as últimas declaracións de Feijóo en relación a conseguir a transferencia da AP9 que soan a pitorreo e tomadura de pelo, porque só pode cualificarse deste xeito que cuestione a viabilidade da transferencia por sete millóns de euros, xusto no momento en que Rajoy pon sobre a mesa 4.000 millóns de euros para rescatar as radiais madrileñas”, alegou a portavoz do Bloque.

Ademais, o BNG formula unha batería de propostas  sobre a xestión de Audasa: levantar as barreiras cando as colas superen o quilómetro de retención, sancionar a concesionaria polas retencións que xa houbo, -“porque é a única maneira de evitar as miles de galegos e galegas queden atrapados nas cabinas”-, e abaratar as peaxes nos tramos en obras. “Feijóo non pode escorrer o vulto e irse de vacacións”, indicou.

O Bloque tamén pide que o presidente da Xunta explique a situación do transporte público tras o conflito derivado pola “chapuza” de plan aprobado polo Goberno. “Ten que explicar que medidas vai tomar con este tema, porque impórtanos moito o impacto no transporte escolar xa que agora os nenos e nenas van ir aos centros no transporte de liña regular facendo”, explicou.

Fai falta diálogo con todos os axentes implicados, empresas e traballadores do sector, concellos, comunidade educativa e forzas políticas, instou.

Igualmente, Pontón pediu transparencia e, neste sentido, demandou a publicación de todas as empresas que solicitaron participar na adxudicación de liñas e o listado das empresas ás que se vai convidar, “porque pensamos que esa información pode desvelar que se esconde detrás do plan da Xunta”, alegou.

A dirixente do Bloque tamén fixo balance do actual período de sesións que, dixo, demostra a atonía e a falta de iniciativa do Goberno. “Presentamos 1.645 iniciativas na Cámara, esforzándonos por levar o Parlamento á rúa e darlle voz a todos os colectivos, con propostas de calado como a tarifa eléctrica, sistema de financiamento, plan de loita contra o desemprego, a precariedade laboral e a emigración”.

Encastelado e ausente

Por contra, dixo, “temos un Feijóo encastelado en Montepio, ausente nos grandes debates e incapaz de defender os intereses de Galiza, ao contrario fai que perdamos oportunidades e nos quedemos atrás”. A isto hai que sumar a “incapacidade” do xefe do Executivo para dialogar e chegar a consensos en temas claves para o país.

Como exemplos do “inmobilismo” do presidente galego Galiza está ausente no debate do futuro sistema de financiamento, ausente no debate da modernización do ferrocarril, no debate dos orzamentos do Estado cun recortazo de 442M€, ou ausente do debate territorial de cara a conseguir un novo status para Galiza.

“Nesta lexislatura aumentou o síndrome de Montepio de Feijóo, e vemos como medrou a súa soberbia en asuntos clave para o país rexeitando a man tendida do Bloque en cuestións como emigración xuvenil, I+D+i ou Plan forestal e loita contra o lume”, denunciou a portavoz nacional, “porque confunde ter maioría absoluta con ter razón”,concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG