Ana Pontón pide un apoio reforzado para Beatriz Bascoy para garantir que Moeche sigua avanzando co BNG

Apela á mobilizarse para fortalecer o proxecto de transformación a favor da veciñanza: “estou segura que neste concello ninguén quere volver atrás"

A portavoz nacional, Ana Pontón, puxo en valor o traballo do goberno local nacionalista en Moeche, que lidera a actual alcaldesa e candidata á reelección, Beatriz Bascoy, para garantir que este concello segue adiante co proxecto de transformación a favor da veciñanza iniciado fai catro anos da man do BNG.

“Moeche é un exemplo de como a revolución das pequenas cousas pode cambiar o rumbo dunha vila, tendo un proxecto de concello e confiando no seu potencial, apostando pola economía local, sendo exemplo de boa xestión, de honestidade,  transparencia e de democracia participativa”, recalcou Pontón.

Un concello, -subliñou-, “que logrou deixar atrás os anos negros de PP, que deixou atrás o despotismo caciquil, o inmobilismo e a decadencia. E hoxe estamos nun Moeche novo grazas ao impulso do goberno do BNG e da implicación da veciñanza que mudou rumbo para mirar con esperanza e ilusión o futuro que estades construíndo entre todos e todas”.

Acto MoechePara seguir avanzando e progresando, para non volver para atrás, Pontón pediu unha gran mobilización o vindeiro 26M enchendo as urnas de papeletas á actual alcaldesa.

“Nada de dar as cousas por feitas, hai que mobilizarse, falar con cantas máis persoas mellor, familiares, amigos, coñecidos, para explicarlles este modelo de goberno municipal que funciona, para conseguir máis forza e máis apoio para Bea Bascoy e para o seu equipo este 26M. Ninguén quere volver ao pasado, por iso pídovos a todas e a todos que vos mobilicedes para obter un gran resultado nas urnas e poder continuar en Moeche este proxecto ilusionante, transformador, en positivo e coa man tendida que representa a alcaldesa e toda a súa candidatura”.

A dirixente nacionalista apelou ao orgullo dun pobo que protagonizou a loita irmandiña en defensa da súa dignidade. “Como non ía ser orgulloso un pobo que se levantou en loita para defender os seus dereitos na revolta irmandiña, unha revolta que se conmemora desde fai 40 anos no Irmandiño, que agora por fin tendes un goberno local que comparte e promove esa celebración”.

Acto Moeche - Beatriz BascoyEmpoderamento das mulleres

Pontón tamén fixo mención ao papel que xogan as mulleres en Moeche facendo un recoñecemento expreso a súa responsabilidade social desde distintas labores de liderado no municipio.

“Moeche escríbese en feminino porque as mulleres xogan un papel extraordinario no cada día deste concello. Non é que sexan maioría, que tamén, é que están desempeñando tarefas de gran responsabilidade e contribúen ao bo funcionamento deste municipio”.

Así, ademais da alcaldesa, -“unha muller competente, con proxecto, rigorosa, dialogante”, definiu-, tamén son mulleres quenes están a fronte da maior parte do comercio e da hostalería local, ocupa o Xulgado de Paz, tamén son mulleres as dúas veterinarias, a directora do colexio, a secretaria do concello, mulleres tamén a cargo de centro de saúde, na farmacia, etc.

“Asumen o papel que nos corresponde nunha sociedade de mulleres libres e iguais que promovemos desde os concellos BNG e, neste caso, o que fixo a nosa candidata foi darlle visibilidade e recoñecemento social desde o goberno local”, salientou.

Aposta polo comercio de proximidade

Pontón destacou tamén que Moeche converteuse en só catro anos nun exemplo do modelo municipal do Bloque, “un modelo, que mellora a vida das persoas, libres de corrupción, participativos onde a veciñanza é quen manda, honestos na xestión e capaces de optimizar cada euro, concellos feministas, e sustentables, co dinamismo económico, social e cultural.

A modo de exemplo, a política de diálogo e transparencia que inaugurou o goberno de Bascoy. “Hoxe o Concello é exemplo de democracia participativa a través dos concellos veciñais, trata a todo o mundo igual, atende e dialoga con tod@s porque así é como fai política o Bloque”.

Outro sinal de identidade do modelo municipal, a decida aposta polo comercio local a través das feiras e mercados nas se comercializa o produto de proximidade, se dinamiza a economía do entorno, se crea riqueza e emprego. E, ademais, rentabiliza o recinto feiral.

“Por todo isto, estou convencida de que imos ter un gran resultado o 26 de maio, como xa tivemos o pasado 28 de abril nas eleccións xerais, tanto nas eleccións locais como europeas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG