Ana Pontón pide o apoio da veciñanza para que Baz lidere un goberno transformador para A Guarda

Presentación A Guarda
Presentación A Guarda

“Temos potencialidade suficiente para encarar o futuro con optimismo”, proclama o candidato. Sector pesqueiro e infraestrutura portuaria, compromisos de Carme da Silva para defender no Congreso

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación da candidatura do BNG á Alcaldía da Guarda para pedir un apoio masivo para que Anxo Baz lidere o próximo goberno municipal e poder desenvolver un proxecto que é garantía de transformación económica e social, garantía de diálogo e garantía de mellora da vida da veciñanza.

Pontón puxo como exemplo o goberno local de Tomiño, hoxe referencia no Baixo Miño tras a xestión do BNG con políticas que marcaron un antes e un despois en materia de ordenación urbanística, comercio local, servizos públicos ou participación cidadán.

“O mesmo que defenderon os e as concelleiras nacionalistas na Guarda nesta lexislatura, pero ao que hai que dar un impulso definitivo desde unha maioría que lle permita liderar o goberno municipal despois do 26M”, indicou.

BazPor iso, salientou a líder do Bloque, “para ter un concello aberto e dialógante, pensado para as persoas, que aposte por aproveitar o seu rico patrimonio como fonte de emprego e desenvolvemento turístico, que defenda servizos sociais de calidade e unha mobilidade na que convivan as persoas e os espazos públicos. Para conseguir todo isto, insisto, a mellor opción é a que representa o candidato do BNG, Anxo Baz, e os compañeiros e compañeiras que o acompañan na lista”.

Pontón lembrou que antes das eleccións municipais hai outra cita coas urnas o 28A transcendente para o futuro do municipio e do conxunto do país: os comicios ao Congreso. Unha oportunidade, salientou, para devolverlle voz propia a Galiza da man do BNG, “a través dun proxecto sólido, solvente e unido coa man tendida a todas as persoas fartas de ver como as forzas estatais pasaron olimpicamente tanto dos problemas dos nosos concellos como dos intereses dos galegos e das galegas”.

Por iso, argumentou, “vale máis unha deputada como Carme da Silva no Congreso, que vai dar a cara polas cuestións que afectan A Guarda que 23 deputad@s ás ordes do que lle diten os seus xefes desde Madrid”. “Pídovos a vosa confianza para que este concello teñan voz propia no Congreso a partir do 28 de Abril e para que o BNG lidere un goberno de transformación en positivo a partir do 26 Maio”, concluíu.

O candidato á Alcaldía, Anxo Baz, expresou a súa confianza no potencial do municipio: “Temos potencialidade suficiente para encarar o futuro con optimismo, só fai falta crer nela e ter a coraxe de aproveitalas e por iso presentamos un proxecto para transformar A Guarda sen complexos”. O monte Tegra, as salinas romanas, a muralla medieval, as casas indianas o esteiro do Miño, o Porto foron algunhas das “potencialidades” citadas por Baz.

Presentación A Guarda“No BNG temos a firme convicción de poñer todo o conxunto en valor, apostando  por un plan de mobilidade que racionalice os espazos públicos e os coloque ao servizo da veciñanza e das persoas quen nos visiten”, explicou.  Un plan “que ordene o tráfico e o restrinxa onde sexa necesario, para resaltar e desfrutar do que temos de singular, propiciar espazos para desfrutar do que somos e ao mesmo tempo facer visible, atractivo e competitivo o noso comercio”, argumentou.

Diálogo e contraste de opinións coa veciñanza

A reforma da Rúa Concepción Areal, levada a cabo desde a área de goberno nacionalista de mobilidade, é un exemplo do que se pode facer, así como o proxecto de acceso ao porto elaborado grazas a colaboración do BNG desde a Deputación. O candidato tamén comprometeu un goberno local “no que todos os veciños e veciñas sexan escoitados, contrastando opinións e dialogando coa xente da Guarda”, concluíu.

Pola súa parte, a candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, destacou o potencial da Guarda dan man dun proxecto que segue o modelo doutros municipios de éxito recoñecido liderados polo Bloque. “Ao igual que temos unha alternativa para defender Galiza no Congreso, Anxo Baz a ten para este concello fronte a outras propostas incoherentes que non teñen claro que futuro queren para esta vila”, recalcou.

Da Silva adquiriu o compromiso de loitar desde o Congreso para sacar adiante as propostas que precisa este municipio en cuestións tan relevantes como o sector pesqueiro ou a vital infraestrutura do porto.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG