Ana Pontón pide o apoio para o BNG: “Somos o voto do inconformismo, da rebeldía e da confianza no país”

Máis BNG para estender o modelo municipal de éxito a favor das persoas, fronte ao vello bipartidismo e as fórmulas que só trouxeron decepción

Pide unha mobilización masiva este 26M, antesala da derrota de Feixóo

A portavoz nacional, Ana Pontón, apura a última xornada de campaña para pedir o voto para o BNG e estender por Galiza o modelo municipal de éxito que demostrou, nas vilas e cidades nas que goberna, a súa capacidade para construír concellos que se converten en referentes de calidade de vida.

Con este aval dos feitos dun modelo que funciona, Pontón está convencida de que os galegos e as galegas van facer unha aposta clara por ter “máis BNG nos concellos”, e instou a mobilizarse nas urnas e a concentrar na papeleta nacionalista todo o voto de país e todo o voto inconformista, nun almorzo informativo coa candidata en Santiago, Goretti Sanmartín.

“Pido sumar todo o voto nacionalista, de país, inconformista e rebelde nas candidaturas do BNG porque somos a forza política que garante cambios reais nos concellos, os que temos políticas transformadoras. Por iso, este 26M ninguén ten que conformarse nin co vello bipartidismo de sempre que xa sabemos o que da de si, nin coa decepción das formulas que viña a cambialo todo e non foron capaces nin de xestionar o día a dia”, argumentou.

Pontón destacou que a do Bloque “é a papeleta do inconformismo, da rebeldía, da xente que confía nas posibilidades deste país e temos o mellor aval que pode ter unha forza política: os feitos, demostramos que se pode facer política doutra maneira e tamén que hai outra Galiza posible que xa está en marcha nos concellos onde gobernamos”, explicou.

“O modelo BNG non é de corta e pega, nin importado, é un modelo propio que nace dun coñecemento profundo de cal é a realidade do país”, e por iso, -argumentou-, o 26M moitos galegos e galegas “van apostar por máis BNG nos concellos porque temos un modelo de éxito que funciona que mellora a vida das persoas e converte vilas e cidades nun referente internacional”, tanto no medio rural como no urbano.

Goretti SanmartínInsistiu, é moi importante que o 26M haxa unha mobilización masiva nas urnas “e que todas as persoas que queren políticas transformadoras nos seus concellos voten BNG porque somos a garantía de bo goberno e de cambio real nas vilas e cidades”.

Pontón tamén salientou que un avance do Bloque este domingo pon os cimentos da derrota do PP e de Feixóo cando, en apenas un ano, se celebren as eleccións galegas. “O resultado deste domingo é clave para o futuro dos concellos, pero tamén para abrir un tempo novo que estamos en condicións de liderar ante o deterioro evidente da dereita, porque Feixóo xa é pasado”, alegou.

Traballo brillante de Miranda en Europa

En relación á posibilidade de pactos electorais, a líder nacionalista deixou claro que o BNG vai a por todas: “que ninguén pense que saímos a xogar medio partido, imos xogar o partido enteiro”. Primeiro ten que falar a cidadanía nas urnas, -suliñou-, e convencida do peso determinante que terá o Bloque tras o 26M destacou a acreditada capacidade de diálogo desta forza política que, en ningún caso, vai permitir gobernos da dereita.

Pontón tamén pediu o apoio para a candidatura que lidera a actual eurodeputada Ana Miranda ás eleccións europeas: “fixo un traballo brillante a favor de Galiza e de todas as causas xustas para construír unha Europa social e dos pobos. É clave que este país teña voz propia na UE e só o BNG é garantía desa defensa do país e da outra Europa posible”, salientou, segura de que o escano do Bloque volverá ser o escano galego, aínda con máis forza.

Finalizado o almorzo informativo coa candidata e Santiago, Pontón desprazouse a Ourense para acompañar ao candidato, Luís Seara, nun reparto electoral no centro da cidade, nunha intensa xornada de campaña que completa cunha visita a Ribadavia e co mitin de peche en Vigo, co candidato Xabier Pérez Igrexas, e a candidata ás europeas, Ana Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG