Ana Pontón pide ao PP que abandone a súa política de demolición do libro galego

Día do Libro
Día do Libro

Propón desenvolver a lei do libro e derrogar o Decreto do Plurilingüísimo

Na celebración do Día do Libro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou a “política de demolición” da Xunta de Galiza contra o sector do libro galego, un sector dinámico e estratéxico para o noso país polo seu valor simbólico e cultural e pediu  ao Partido popular que abandone a política de continuos recortes.

Pontón tamén reclamou a derrogación do “cinicamente chamado Decreto do Plurilingüísimo”, unha ferramenta, dixo, deseñada desde premisas ideolóxicas que buscan reducir o uso do noso idioma nas aulas e nos materiais. Esta medida, recalcou, “fai imposible apostar polo libro e a lectura en galego”.

A portavoz nacionalista, acompañada dos deputados e deputadas do BNG, Montse Prado, Noa Presas, Luís Bará e Xosé Luís Rivas compareceu na compostelá  Librería Pedreira onde destacou a grande fortaleza do ámbito literario e editorial en Galiza con escritores e escritoras de referencia internacional na ilustración, literatura infantil e xuvenil ademais de potenciais lectores capacitados para ler en galego.  

A administración, manifestou Pontón  “non desenvolve a Lei do Libro e a Lectura, aprobada polo Goberno bipartito en 2006”  e o Partido popular reduce drasticamente os orzamentos, “afogando o sector”. Os datos que vén de sacar o Observatorio da Cultura Galega sobre o período 2006-2016 son “demoledores” e  non deixan lugar a dúbidas. A  Xunta, afirmou, é  responsábel da publicación de   “menos títulos, menos tiraxe, menos editoriais e menos axudas institucionais para o libro galego no período 2006-2016”. Mentres o número de obras editadas en galego segue descendendo, explicou,  a edición en español, catalán e euskera sigue medrando. No ano 2006, a Xunta de Galiza destinaba á promoción do libro e lectura 1.100.000 que reduciu  a 200.000 euros en 2016, ademais   destinaba 750.000 euros á promoción e edición do libro en galego, e no ano  2016, tan só 350.000 euros. “Entre 2008 e 2016, o recorte situouse  nos  2,4 millóns de euros nas adquisicións para as bibliotecas públicas de Galiza, o cal supón un 58% menos  que sumou a caída do 40% na   edición en galego durante os  gobernos de  Feixóo”.

O BNG RECLAMA DESENVOLVER A LEI DO LIBRO E DA LECTURA

Ante a crise no sector do libro promovida  pola política de recortes do Partido popular, o BNG levará ao Parlamento galego a proposta dun  “estudo de avaliación do grao de desenvolvemento e cumprimento da Lei do libro e da lectura, que debería estar completado antes do remate deste 2018 dotada con   orzamentos e medidas concretas para os próximos tres anos, e a  supervisión do Consello Asesor do Libro”.

Paralelamente,  o BNG demandará en sede parlamentaria “a derrogación do cinicamente chamado Decreto do Plurilingüismo”.

Para a portavoz nacionalista, o  “libro é fonte de liberdade, de coñecemento, de medre e desenvolvemento persoal, de capacidade crítica para pensar, soñar e construír unha vida máis digna e un mundo máis xusto para todas as persoas”. En tempos escuros coma os que estamos a vivir de censura, represión e involución, cómpre defender a liberdade creativa e o hábito rebelde da lectura, e da lectura en galego e puxo como exemplo recente  “o secuestro  dun libro que recolle   os vínculos do PP co narcotráfico”.

Finalmente a portavoz nacionalista avanzou que o BNG seguirá aportando propostas para recuperar, canto antes, a condición estratéxica e económica do sector do libro galego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG