Ana Pontón pedirá a Feixóo que poña a saúde por riba das eleccións

Os propios informes non avalan a convocatoria en Xullo

"Gustaríanos que se puideran celebrar canto antes, pero é unha temeridade convocar en estado de alarma e sen saber como vai evolucionar o virus na desescalada”

“Feixóo non lle pode dar ningunha garantía ao propietario dunha cafetería do que poderá facer nunha semana, pero dille que poderá votar en dous meses”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, transmitirá ao presidente da Xunta que o BNG considera unha “temeridade” convocar eleccións en estado de alarma e sen garantías sanitarias para votar e, en consecuencia, pedirá a Feixóo que poña a saúde por riba da cita electoral, máxime cando os informes sanitarios incluído o da Consellaría de Sanidade, non avalan a convocatoria en xullo. Ao contrario, advirten que non se pode predicir a evolución da pandemia na desescalada, nunha Galiza na que apenas houbo circulación do virus e avanzan que a mobilidade vai permitir a chegada de persoas de territorios máis afectados.

“Imos trasladar que nos parece unha temeridade convocar eleccións no medio dunha pandemia en pleno estado de alarma, somos os primeiros que nos gustaría que se celebrasen canto antes, pero por riba das cuestións electorais o primeiro é a saúde das galegas e galegos”, salientou Pontón, en relación a reunión prevista con Feixóo, que considera un “formalismo” convencida de que “a decisión está tomada” desde que o lendakari Urkullu avanzou o seu desexo de ir ás urnas en xullo, “de novo o presidente da Xunta, a rebufo”.

A líder nacionalista salientou que os informes nos que o candidato do PP quería ampararse non dan ningunha garantía sanitaria. “Non avalan que sexa seguro activar unha convocatoria electoral en xullo porque son informes inconcretos e contraditorios sen conclusións claras”, por contra, “o propio informe sanitario da Xunta contempla a posibilidade de que sexa necesario volver a desconvoca ante un rebrote do virus”.

Neste sentido, os informes están cheos de incertezas e advirten das moitas interrogantes que existen para predicir a evolución do virus, que fan que a evolución presente e futura da pandemia sexa altamente impredicible porque “non hai unha bola máxica (sic)”. Igualmente, destacan o nivel de contaxio da poboación, que segue a ser moi alto pola pouca circulación da infección en Galiza e alerta do risco da entrada de persoas doutros territorios con maior nivel de contaxio, chegada que empezará a finais de xuño.

“Os informes non din que sexa seguro votar en xullo, por contra o que fan é alertar de que estamos nunha fase na que non sabemos o que vai acontecer, que non se pode prever a evolución do virus na desescalada, un fase sen garantías sanitarias e pensamos que tampouco se dan garantías democráticas”, sintetiza Pontón, tras subliñar que o propio decreto de desconvocatoria asinado polo xefe do Executivo o 18 de marzo deixaba claro que non se convocarían eleccións mentres estivese en vigor o estado de alarma.

“É moi estraño que ao dono dunha cafetería Feixóo non lle poida dar ningunha garantía do que poderá facer nunha semana, pero que xa lle diga que poderá votar dentro de dous meses, e estraño que o goberno obrigase a pecharse durante dous meses á poboación para evitar contaxios e que agora obrigue a estar todo un día en colexios electorais con centos de persoas manipulando sobres, papeletas, urnas e mobilizando a case 2 millóns de persoas”, argumentoua dirixente do Bloque.

Pontón instou a tomar nota do que sucedido en Francia fai apenas unhas semanas cun proceso electoral en plena pandemia: “baixísima participación e anulación da segunda volta tras comprobar que non se daban as condicións para votar”. En todo caso, o BNG tamén avanza que non vai recorrer a decisión do presidente da Xunta pola vía legal “para non xudicializar o proceso e engadir aínda máis incertezas á poboación”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG