Ana Pontón: “Os orzamentos sinalan o fin de ciclo do PP e Feixóo, inútiles á hora de mellorar os servizos públicos”

Ana Pontón
Ana Pontón
Afirma que as contas do 2020 non ofrecen alternativas á grave crise industrial nin crearán emprego de calidade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o proxecto de orzamentos presentado hoxe polo goberno no Parlamento galego constata “o fin de ciclo do PP e de Feixóo á fronte da Xunta”, así como a súa  incapacidade para poñer  “solucións aos problemas estruturais de Galiza e ás  dificultades que cada día ten que sortear a maioría dos galegos e galegas”. As contas para o 2020 non ofrecen alternativas contra o deterioro dos servizos públicos e unha crise industrial con 6.000 postos de traballo na picota”.

A nacionalista recalcou que nos últimos anos os galegos e galegas comprobaron como non se recuperaron os salarios nin o seu poder adquisitivo mentres medran as desigualdades. A hora de enfrontar a crise económica, afirmou Pontón, “estes orzamentos son inútiles” e tamén “inútiles” para mellorar a vida das persoas e recuperar os servizos públicos.

Pontón criticou a “propaganda e autobombo” do Partido popular  cando en realidade dixo,  “non existe unha estratexia para paliar a crise industrial e crear emprego de calidade”. Ademais, engadiu,  estamos ante un ciclo de desaceleración da economía. Por outra parte, tampouco atopamos nestas contas “alternativas á grave crise do sistema sanitario público”, na Atención Primaria, nin contra  o recorte acumulado de máis de “2.000 millóns de euros nos últimos anos”.

Para a nacionalista, os orzamentos “son unha oportunidade perdida para Galiza” e o goberno da Xunta continúa na senda de políticas erradas que non  quere “rectificar”.

Rebaixas fiscais inútiles ante o problema da vivenda

Pontón tamén criticou “as  medidas estrela” dos orzamentos que  en realidade,  “son unha rebaixa fiscal para o 1% da poboación” porque van destinadas, explicou,  ás herdanzas superiores ao millón de euros  e a redución do 40% para  todas aquelas persoas que poden mercar unha segunda vivenda, cando  o problema que teñen a maioría dos galegos e galegas, sobre todo da xente nova, é que “non teñen acceso a primeira vivenda, xa non mercala, senón mesmo poder alugala”.

Con estas contas,  o  PP non lle di aos galegos e galegas en que vai recortar despois de aplicar as rebaixas fiscais ás rendas máis altas. A única política económica que nos presenta o goberno é a “do turismo” fiada  ano Xacobeo no 2021 pero carente de estratexia para encarar os retos dos tempos que vivimos. Unha vez máis, recalcou Pontón,  os orzamentos son “unha oportunidade perdida”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG