Congreso

Ana Pontón e Néstor Rego salientan que o do BNG será o escano de Galiza coa prioridade de poñer en marcha unha axenda de país

A volta do Bloque ao Congreso supón ter voz propia e poñer fin á discriminación do Estado dos últimos anos. Seguridade e loita contra a contaminación mariña estará entre as primeiras iniciativas nacionalistas

Rego avanza “actitude construtiva, pero firme na defensa dos intereses dos e das galegas”

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o deputado no Congreso, Nestor Rego, destacaron que a presenza do BNG na Cámara baixa supón un punto de inflexión que porá fin á discriminación do Estado con Galiza dos últimos anos, expresando a vontade clara de converter o escano nacionalista no escano do pobo galego. Así o explicaban ambos, momentos antes de arrancar a sesión de constitución das Cortes do Estado.

“Galiza volve ter voz propia nesta lexislatura da man do BNG o que vai supoñer un punto de inflexión para acabar coa discriminación a este país, que estivo excluído dos debates e dos investimentos.  É un día no que o escano do BNG se converte no escano de Galiza”, subliñou Pontón.

Para Rego, o arranque desta lexislatura ten unha diferencia fundamental, “porque coa presenza do BNG Galiza vai estar presente en todos os debates políticos desta cámara coa vontade de que todos os problemas do país atopen solución. Levamos moito tempo esperando, tras anos de esquecemento por parte do Estado e é hora de que isto mude”, recalca.

“E unha lexislatura na que se ten que dar un desbloqueo da axenda galega, porque até agora os nosos problemas ou ben eran ignorados ou desde Madrid se tomaban decisións que ían contra os nosos intereses, e queremos usar a forza dos votos que nos deron o 10N para poñer en marcha una axenda galega que aporte solucións ás urxencias como a crise industrial das electrointensivas, ás infraestruturas, ao saneamento integral das nosas rías, á modernización do ferrocarril”, explicou Pontón.

Ana Pontón no Congreso“Imos ter unha actitude construtiva pero tamén moi firme na defensa dos intereses dos e das galegas, solucións ás infraestruturas pendentes, ás necesidades económicas,  aos dereitos sociais e nacionais e da democracia atacada. Esperamos que esta posición encontre receptividade nun contexto sen maiorías absolutas e que isto implique un cambio a favor de Galiza para mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas e que a nosa nación sega avanzando en dereitos e liberdades”, afondou o deputado nacionalista.

O desbloqueo da axenda galega, salientou a portavoz nacional, “ten que ser unha prioridade nesta lexislatura e ese é o compromiso que adquirimos, estamos nunha Cámara na que non hai maiorías absolutas e o diálogo é necesario onde o peso do nacionalismo é cada vez maior poñendo de manifesto que hai unha serie de reivindicacións que o Estado non pode ignorar”.

Estado plurinacional

Neste sentido, o BNG subliña que nos últimos anos “houbo unha involución democrática, de dereitos e liberdades que afectan ás persoas pero tamén aos pobos, e desde Galiza queremos contribuír á defensa da liberdade, dos dereitos e da democracia, a defensa de Galiza como nación, onde o Estado ten que recoñecer esa existencia dun Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe, e non pode seguir pechando os ollos ante esa realidade porque é como querer poñerlle portas ao campo”, argumenta Pontón.

Entre os primeiros asuntos que abordará o Bloque, -avanzou Rego-, o BNG vai reclamar a transferencia de salvamento marítimo e de loita contra a contaminación, tras constatar co accidente de Blue Star que 17 anos despois do Prestige, as costas galegas seguen igual de indefensas.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG