Ana Pontón e Néstor Rego recollen as demandas do Goberno de Ribadeo que levarán tanto ao Parlamento galego como ao Congreso

Concello Ribadeo
Concello Ribadeo
Critican a falta de compromiso co concello tanto da Xunta como do Estado en asuntos como as infraestruturas, servizos sociais ou iniciativas económicas
A portavoz nacional, Ana Pontón, o deputado no Congreso, Nestor Rego, e a deputada por Lugo, Olalla Rodil, realizaron unha visita institucional ao concello de Ribadeo, onde mantiveron un encontro co grupo de goberno liderado polo alcalde Fernando Suárez, para coñecer de primeira man as demandas máis urxentes do municipio que o BNG trasladará, como xa viña facendo, ao Parlamento galego pero desde agora tamén ao Congreso para reclamar a implicación tanto da Xunta como do Goberno central.

“Coa capacidade que nos da ter representación no Congreso imos levar a Madrid as demandas de Ribadeo que defenderemos con firmeza, en particular durante a negociación dos orzamentos xerais do Estado que será unha boa oportunidade para que as propostas, os deberes que xa nos está poñendo o alcalde se vexan plasmadas”, avanzou Rego, “porque é certo que o Goberno central leva moito tempo esquecendo a Ribadeo e ao conxunto da comarca da Mariña. É hora de facernos valer e estas reivindicacións sexan atendidas”.

Pontón puxo en valor o traballo de “transformación en positivo para mellorar a vida da veciñanza” levado a cabo polo BNG en Ribadeo ao longo dos anos, “basta darse un paseo para ver a gran transformación do concello, o apoio ao comercio local, a revitalización urbana, a aposta pola mobilidade sostible grazas a unha equipa de goberno que tivo a capacidade e o empuxo necesarios para superar a falta de implicación doutras administracións, superando as barreiras que ten levantado o PP tanto desde a Xunta como desde o Executivo central”.

E ese empuxe beneficia a Ribadeo, subliñou, pero tamén ao conxunto de Galiza. “O noso compromiso é traballar desde todos os ámbitos para que este concello siga avanzando e teña cada vez máis oportunidades”.

O rexedor Fernando Suárez agradeceu a visita de Pontón, Rego e Rodil que trasladarán tanto ao Congreso como ao Parlamento galego as demandas do concello, en contraste con desleixo que mantén con este municipio tanto a Xunta como o Executivo central. “Sentimos o abandono institucional da Xunta máis preocupada de facernos a competencia que de atender as demandas urxentes que lle poñemos sobre a mesa como o subministro da auga, o apoio á terceira idade en particular desde que botamos a funcionar a residencia de maiores, así como as reclamacións en infraestruturas. Pero nestes asuntos non se lles ve por ningún lado”.

Suárez tamén criticou a falta de compromiso do Estado, situación que, dixo, “estou seguro que vai cambiar agora que  Galiza volve ter representación directa no Congreso da man do BNG”. Entre as cuestións pendentes competencias do Estado citou un segundo acceso desde a autovía A8 a Ribadeo en dirección a Asturias, a circunvalación a Ribadeo, -que tildou de “importantísima” de cara a liberar ao centro da vila de tráfico pesado-, ou a recuperación da ruta do tren mineiro, que podería ser unha “xoia” turística e económica que beneficiaría a catro concellos.

Pontón e Rego comprometeron que as demandas de Ribadeo serán abordadas no Parlamento galego, como xa se viña facendo, pero ademais agora ao Congreso, para que sexan tidas en conta en particular desde o punto de vista de dotación orzamentaria.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG