Ana Pontón e Miranda piden a absolución d@s pres@s políticos tras visitar a Junqueras en Lledoners

O BNG esixe unha solución política e denuncia a involución democrática dun Estado que encadea ao discrepante e nega a plurinacionalidade

Non se pode permanecer neutral ante “o monstro antidemocrático” que persegue ás persoas por defender ideas políticas, alega a líder do Bloque

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, visitaron ao líder de ER, Oriol Junqueras, na cadea de Lledoners, nun encontro dunha hora no que transmitiron a solidariedade e apoio do BNG a todos os presos e presas políticas, as súas familias e a todas as persoas que en Catalunya queren decidir o seu propio futuro.

Á saída da prisión, a dirixente do Bloque reclamou a absolución e posta en liberdade de todas as persoas presas polo mero feito de defender as súas ideas políticas e o dereito do pobo catalán a decidir nas urnas, e insistiu en que é preciso unha solución política e dialogada por parte do Estado que, até agora, está empeñado en buscar vinganza en lugar de xustiza, que persegue ao discrepante e que se nega a asumir a realidade plurinacional.

“Desde o Bloque seguimos defendendo que a solución ten que ser política, diálogo, absolución e liberdade para os presos políticos e, sobre esa base, estou segura que é posible construír un futuro mellor non só para Catalunya senón tamén para Galiza e para todos os pobos que neste momento formamos parte do Estado español”, indicou Pontón.

Para a líder do Bloque, “o Estado español ten un problema moi grave: Que non quere recoñecer que é un Estado plurinacional e iso implica o dereito a poder decidir o futuro, o dereito a poder construír sociedades máis avanzadas e democráticas que nos garantan dereitos e liberdades básicas, e nese sentido é importante que tezamos solidariedade e denunciemos o que está pasando”.

Pontón advirte do momento de “involución democrática” do Estado ante o que non é posible permanecer calado, nin neutral, posto que o que está en xogo é a propia democracia, máis aló de estar a favor da independencia de Catalunya. Non se pode ter medo, porque o medo “alimenta ao monstro” que é preciso derrotar.

“Hai quen quere poñer unha mordaza para que non digamos o que pensamos, que quere que vivamos con medo, pero o medo o único que consigue é alimentar o monstro antidemocrático que nos priva de dereitos e liberdades básicas, hai que derrotar a ese monstro”, salientou a portavoz nacional. “É importante que esa solidariedade se trace desde todas partes, e o BNG, con este visita, con este acto, quere transmitir a solidariedade ás persoas que están presas, pero tamén as súas familias e a todas as persoas que en Catalunya soñan con poder decidir o seu futuro”.

Asañamento vs xustiza

Miranda e Pontón salientaron a dureza de ver a persoas que, como Oriol Junqueras, están privadas de liberdade por ideas políticas, “sen poder ver ao seus fillos e fillas simplemente por defender as súas ideas e isto non debería pasar en ningunha democracia avanzada. É unha situación que afecta a todos e todas porque afecta á democracia, non se trata de se estamos a favor ou en contra da independencia de Catalunya, senón que vai da defensa de dereitos e liberdades fundamentais”.

A líder do Bloque tamén denunciou a parcialidade da Xustiza. “Estamos vendo un Estado que persigue a quen pensa diferente, que é capaz de encadealo, que actúa con crueldade e, o máis grave, un Estado onde podemos ter moi pouca fe na Xustiza porque o certo é que temos a sensación de que a sentenza deste xuízo xa está escrita antes de que se iniciara”, alegou.

Vestixios franquistas

Pontón considera que  “hai un asañamento e un intento de castigo para unhas persoas que o único que fixeron foi defender o dereito do seu pobo a decidir o seu futuro, que o único que defenderon foi un mandato democrático, decidir a través do voto. Iso non se pode criminalizar en ningún país avanzado”.

Para o Bloque, a maneira de actuar do Estado encadeando a políticos polas súas ideas retrotrae ao Franquismo.

“Estamos nun momento de involución democrática moi grave onde o que pasa aquí é un síntoma máis dun Estado no que segue habendo vestixios do Franquismo”, denunciou, “e desde o BNG imos seguir dando a cara para dicir con claridade que non é normal o que está pasando e que ningunha persoa demócrata pode manterse na equidistancia nin no pasotismo. Por contra, é importante denunciar a situación que se está vivindo neste momento”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG