Ana Pontón levará ao debate de política xeral o incumprimento do PP na construción de residencias de maiores

Ana Pontón, Goretti Sanmartín e Rubén Cela
Ana Pontón, Goretti Sanmartín e Rubén Cela

En febreiro de 2017 anunciou 7 residencias nas grandes cidades, pero 19 meses despois “non hai ni un contrato asinado, nin un ladrillo posto”

Galiza ten un déficit de prazas do 40% e tempos de espera de dous anos cando a lei marca nove meses

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai levar ao debate de política xeral de outubro o déficit de residencias públicas de maiores cunha proposta de resolución para que o presidente galego cumpra cos seus propios investimentos nesta materia,  tendo en conta que no consello da Xunta de febreiro de 2017 anunciou a construción de sete residencias nas grandes cidades pero 19 meses despois “non hai nin un contrato asinado, nin un ladrillo posto”.

Para denunciar a “distancia sideral” que separa “a propaganda, a publicidade e autobombo de Feixóo da realidade e dos feitos”, a dirixente do Bloque xunto coa portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, desprazáronse até a parcela que debería albergar en Compostela unha desas sete residencias anunciadas polo propio xefe do Executivo.

“Máis de ano e medio despois, 475 días despois do anuncio, aquí estamos no medio dunha parcela completamente baleira, salvo polos coches que están aparcados moitos con logo da Xunta, pero sobre a que non se está facendo nada”, denunciou a líder do BNG.

E Santiago non é a excepción, -salientou-, pasa o mesmo co resto das sete grandes cidades que supostamente ían contar con unha nova residencia pública antes de finalizar a lexislatura.  “A día de hoxe non hai un só papel asinado, nin un só contrato asinado, nin un so ladrillo posto, nin sequera están resoltos os convenios cos concellos implicados para a cesión dos terreos”, salientou Pontón.

A  dirixente nacionalista criticou a “incompetencia” de Feixóo ante un problema de tanta transcendencia social “que non se soluciona con propaganda en forma de anuncios tras o consello da Xunta que se quedan nun titular pero sen que haxa nada detrás”. Neste caso ante unha cuestión prioritaria dado o nivel de envellecemento que ten a poboación e a carencia de prazas de residencias públicas para atender ás persoas maiores.

Por debaixo da media

Pontón salientou que estas infraestruturas deben ser consideradas un servizo social básico, tendo en conta ademais que Galiza está por debaixo da media. De feito, a OMS recomenda 5 prazas por cada cen maiores e o este país só conta conta con 3,1 por cada 100 maiores, un déficit de prazas que ronda o 40%. Igualmente, un recente informe do Consello de Contas denunciaba que para acceder a unha residencia as persoas maiores deben esperar dous anos, cando a lei marca nove meses.

“Estamos ante un Goberno incompetente e incapaz, que non ten proxectos nin capacidade de xestión entre outras cousas porque os seus conselleiros están pensando en ser candidatos”, criticou Pontón, quen instou ao Executivo  de Feixóo “a poñerse as pilas”.

“No debate de política xeral, -previsto para outubro-, imos presentar unha proposta de resolución para que o Goberno galego se poña a traballar e as sete residencias públicas nas cidades galegas sexan unha realidade antes de que finalice a lexislatura, tal e como se comprometera o presidente da Xunta”, concluíu.

Infraestrutura prioritaria

Pola súa parte, Goretti Sanmartín salientou que a prometida residencia para Santiago que debería estarse construíndo “nin sequera ten consignados unha cantidade nos orzamentos dos 6 millóns de euros previstos para esta infraestrutura e o único que se fixo foi o envío fai unhas semanas dunha proposta de convenio ao Concello, iso é todo o feito desde o anuncio da residencia en febreiro de 2017”.

Sanmartín salientou que Compostela conta con 25.000 persoas con máis de 60 anos das que 4.000 viven soas e só dispón e tres residencias públicas. “Está residencia é unha prioridade e a Xunta debe cumprir as súas promesas e non limitarse a facer propaganda e tamén pedimos ao propio concello que axilice a resposta a esa proposta de convenio”.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG