Ana Pontón insiste na importancia de facer unha fronte común de país para dar a batalla ante Alcoa

Ana Pontón e Jorquera en ALCOA
Ana Pontón e Jorquera en ALCOA

Expresa a preocupación do BNG porque se manteña o ERE de extinción e considera clave seguir coa presión política e social ante a multinacional

A portavoz nacional, Ana Ponton, salientou a preocupación do BNG porque aínda non se lograse levantar o ERE de extinción presentado por ALCOA, condición que considera necesaria para negociar, e aposta por seguir coa presión social e política para buscar unha solución que garanta e produción e o emprego na factoría da Coruña.

“Tras a reunión en Madrid, seguimos vendo con moita preocupación a situación e pensamos que é clave seguir coa presión política e social, e sumámonos a esa reivindicación de que o ERE ten que retirarse xa, porque con esa ameaza na mesa non se pode negociar. Sería un punto de partida para poñer en marcha unha estratexia que lle dea unha alternativa de futuro a un sector estratéxico como é a produción de aluminio”, explicou tras o encontro mantido onte co Goberno central e as partes implicadas.

Neste sentido, Pontón considera importante “que desde Galiza fixeramos unha fronte común de país na defensa dun sector estratéxico a produción de aluminio e dunha fábrica como ALCOA, e gustaríanos que desde Galiza puidésemos tamén ver esa imaxe de unidade do Goberno, das forzas políticas e dos sindicatos sentándonos nunha mesa para propoñer alternativas para dar un marco enerxético estable non só a esta empresa senón a todas as  electrointensivas do país”, explicou.

Por iso, o Bloque aposta por ter unha posición de país para o momento en que se abra no Estado o debate sobre o actual marco enerxético. “Hai que evitar e sería importante que conseguir unha tarifa industrial para as empresas electrointensivas que lle dea estabilidade a este tipo de factorías e que, no caso de Galiza, ademais,  debería ter unha rebaixa nas peaxes como compensación polos custes ambientais e sociais de ser produtora neta de enerxía”.

 E, por suposto, esa tarifa debe estar ligada ao mantemento do emprego, á modernización das instalación e a plans industriais por parte das beneficiarias, salientou. Pontón reiterou que, se a multinacional persiste no ERE de extinción, o Goberno debe rescatar ALCOA para o sector público como fixo coa banca poñendo sobre a mesa 60.000 millóns de euros, ou coas radiais madrileñas con máis de  4.000 millóns de euros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG