Ana Pontón: “É indecente que despois de 15 días do 15-O Feijóo non dea a cara para explicar os incendios”

Denuncia a “incompetencia” da Xunta na xestión da vaga de lumes e cualifica de “insuficientes ” as medidas aprobadas polo Goberno para paliar os danos

A portavoz nacional e do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe  que  é “ unha indecencia política  que Feijóo aínda non comparecera no Parlamento galego” despois de 15 días  despois do  15 O. Un 15 de outubro  que  asolou o noso país,  casou catro mortes, centos de persoas desaloxadas e máis de 35 mil hectáreas arrasadas merecen “un presidente que dea a cara en no se agoche nos momentos máis difíciles”.

A única obsesión de Feijóo, asegurou Pontón,  é construír un relato que oculte a súa “ irresponsabilidade na xestión dos lumes”. O relato dunha  “trama do terrorismo incendiario” desmentido xa polos expertos e expertas en materia forestal e a propia  Fiscalía. A día de hoxe, explicou a nacionalista, hai só  dous detidos, un home por asar uns chourizos e unha muller de 78 anos por queimar rastroxos. Estamos falando de 3 hectáreas das máis de 35.000 recoñecidas oficialmente pola Xunta. Onde está esa trama do terrorismo incendiario da que nos fala o PP?, preguntou.

Ana Pontón  criticou as recentes declaracións de Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Rural, quen afirmou que o lume non é un problema político. A xuízo da nacionalista, “o goberno de Feijóo non quere ser parte da solución e as súas políticas incendiarias, son parte do problema”.

O MONTE AO SERVIZO DE ENCE

Os incendios, recalcou, son “froito do abandono de medio rural” e de poñer o monte galego “ao servizo de empresas contaminantes  como ENCE” que quere converter unha boa parte do noso país “nun monocultivo de eucalipto” a pesar do perigo que entraña para a vida das persoas, vivendas e infraestruturas. Neste sentido, culpabilizou a Núñez Feijóo e o seu goberno de ter reducido “as franxas de seguridade” e de non dotar de recursos económicos esta protección contra os lumes de nova xeración ao que sumou os recortes nos medios de extinción.

O BNG RECLAMA UNHA  COMISIÓN DE ESTUDO QUE INVESTIGUE A VAGA DE LUMES

Pontón avanzou que o BNG reclamará na vindeira sesión plenaria, crear unha comisión de estudo para investigar a vaga de lumes, analizar o problema dunha “política forestal fracasada” e  depurar responsabilidades políticas. Esta comisión, reiterou, debe abordar cambios imprescindibles e urxentes en materia de política forestal.

Finalmente, a portavoz nacionalista aludiu a orde de axudas da Xunta  que tildou de “insuficientes e cutres” polo que pediu incrementar os recursos e a articulación das axudas. “O BNG xa dixo ao día seguinte de apagar os incendios que é necesario un plan integral de recuperación económica, social e ambiental” das zonas afectadas. As axudas están recollidas nos orzamentos do 2018 o que confirma que non existirá “un plus inversor” para facer fronte aos efectos nas vivendas e nos “concellos queimados”.

Chama tamén a  atención a baixa contía para a recuperación económica e resulta rechamante a creación de obradoiros de marketing para comunicar a reapertura dos negocios. Dende o BNG defendemos un plan integral   para recuperar “o emprego queimado” aínda que xa sabemos que para a Xunta, “o importante é o marketing e non a realidade”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG