Día da Patria Galega

Ana Pontón fixa como reto converter o BNG na forza maioritaria para darlle a Galiza un goberno a favor do país en 2024

Recolle con “humildade” o apoio histórico do 12X e compromete traballar duro para que a factura da crise non a pague a maioría social

Sectores produtivos, modelo económico verde con ciencia e investigación, reter a xente moza e igualdade real para as mulleres, entre as prioridades

“A política é darlle solucións a xente, non tapar a corrupción da Casa Real”

Compromiso, intelixencia, ilusión, razón e corazón, claves do avance que colocou ao BNG como alternativa real á Presidencia da Xunta

A pandemia non impediu que o BNG celebrase o Día da Patria nun Praza da Quintana con aforo moi limitado pero que acolleu a intervención da portavoz nacional, Ana Pontón, con aplausos e coreando o lema “Ana presidenta!”, deixando claro as ganas da militancia de festexar o histórico resultado electoral.

Un resultado que a líder nacionalista acolle con “humildade” e co compromiso de estar á altura e, sobre todo, sen conformismos e poñéndose xa un gran reto de futuro: ampliar a base militante e social e converter o BNG na forza maioritaria para darlle a Galiza un goberno a favor do país en 2024.

“Pídovos que traballades cada día en cada cidade, en cada vila en cada recuncho  para avanzar no camiño de converter o BNG na forza maioritaria de Galiza, obter o apoio da maioría, lograr aglutinar todo o sentimento de país”, salientou.  “Se así o facemos, se somos quen de dirixirnos a maioría do pobo galego, de mellorar en cantidade e calidade a nosa organización, afrontaremos da mellor maneira a responsabilidade que nos deron o 12X colocándonos como alternativa real á Presidencia da Xunta”, recalcou.

A Quintana 17Pontón agradeceu a confianza recibida polos máis de 310.000 galegos e galegas que apoiaron ao BNG, “coa convicción de que representamos o país en que queren vivir”, e tamén ás persoas que “sen votarnos miran con expectativas o noso proxecto”. A todas, “dicirlles que recollemos ese apoio con humildade e que imos dar o mellor de nós mesmas e traballar para erguer o país sen permitir que a crise a volvan pagar os e as de sempre”.

É tempo de defender Galiza

Porque o nacionalismo, argumentou, “é defensa de Galiza”, e hoxe esa defensa pasa salvar ao sector industrial, empezando por evitar o peche de ALCOA; pasa por acabar co abandono do medio rural; por poñer en marcha un modelo de economía verde, dándolle a ciencia e a investigación un papel clave. A defensa de Galiza pasa tamén por recuperar a xente moza emigrada; por construír unha sociedade de mulleres libres e iguais e polo dereito a vivir en galego.

 “É tempo de defender Galiza, de darlle un futuro digno á xente deste país porque en iso consiste a política, en aportar solucións aos problemas do cada día, das persoas que queren unha sanidade e educación públicas, das que aspirar a ter un emprego de calidade e a que se garanta o dereito a unha vellez digna”, explicou Pontón.

Espectáculo lamentable dese Madrid

Esa é a maneira de facer política do Bloque, dixo,  fronte ao “espectáculo lamentable” que chega de Madrid, onde a clase política “está máis preocupada por manter os privilexios e tapar a corrupción da Casa Real, pero non hai botafumeiro que tape a podremia dunha monarquía que debe render contas ante a Xustiza”, reclamou. “Galiza non ten rei”, proclamou.

A líder nacionalista puxo en valor o traballo colectivo dun BNG que, sen renunciar aos seus principios, -dunha Galiza nación con dereito á autodeterminación-, soubo “reaccionar, rectificar o rumbo e adoptar novas tácticas e novas políticas” evitando caer tanto no “ideoloxismo estéril”,-optando por dirixirse á maioría social-, como mo “pragmatismo asimilante que nos tería convertido nunha forza inútil para mellorar a realidade”.

A Quintana 12Avance imparable

Por contra, é desde a “pluralidade” que se construíu “a gran organización que é o BNG cun proxecto serio e solvente para a transformación do país”, explicou, tras lembrar que fai só un ano, na mesma celebración e na mesma praza, pedía “non autolimitarse para converterse na forza decisiva dirixíndonos a maioría social”. E hoxe o avance do Bloque é “imparable”.

Compromiso, intelixencia, ilusión, razón e corazón, confianza na organización e no país foron para a líder nacionalista os ingredientes que explican o histórico resultado electoral e, neste sentido, apela a transformar o “caudal de ilusión” xerado arredor do Bloque “en máis traballo e ideas para avanzar cara un futuro mellor para Galiza da man do BNG, con máis e mellor organización, sumando máis apoios para lograr que a esperanza compartida que temos hoxe aumente no futuro”, concluíu, tras facer unha lembranza ás 619 persoas vítimas da COVID19.

Previamente a intervención de Pontón, -seguida telematicamente desde todas as cidades nun formato descentralizado de celebración do Día da Patria-, tomaron a palabra a deputada electa, Iria Carreira e o deputado electo, Paulo Ríos, ambos de Galiza Nova, que coincidiron en destacar o papel da xente moza como motor do cambio galego que se puxo en marcha o pasado 12X.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG