Ana Pontón: “Feixóo di que non será un Xudas para Raxoi, porque elixe ser un Xudas para Galiza”

Feixóo
Feixóo

Ponse do lado de quen cobrou sobresoldos en B mentres mandaba “apertar o cinto” a traballador@s e pensionistas, denuncia

Reta ao presidente do PPdeG a enviar ao Consello de Contas os 2.500 contratos asinados entre a Xunta e as empresas da trama Gürtel

Tras o veto do PP á comparecencia de Feixóo, o BNG utilizará a sesión de control ao Goberno para que o presidente da Xunta “dea a cara” en relación á condena por corrupción do seu partido e á vinculación de Galiza coa trama Gürtel, con cuxas empresa a Xunta do PP asinou nada menos que 2.500 contratos que, reclama a formación nacionalista, deben ser investigados polo Consello de Contas.

A portavoz nacional, Ana Pontón, foi moi crítica co empeño do PP en agochar “o lixo pestilente” da súa corrupción e coa declaración de rendida fidelidade do presidente da Xunta ao seu xefe de filas.

“Feixóo proclama que non quere ser un xudas para Raxoi, porque  prefire ser un xudas para Galiza sendo cómplice da corrupción sistémica do seu partido”, denuncia a dirixente do Bloque. “Actúa como un xudas e en vez de estar do lado dos e das galegas, ponse do lado dun PP que ten un presidente na Moncloa que mentiu ante a Xustiza, que cobraba sobresoldos en b mentres obrigaba aos traballadores e traballadoras e pensionistas a apertarse o cinto, un PP que montou un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”.

Para Pontón, un presidente democrático pediría comparecer de motu proprio “pero un cómplice da corrupción como Feixóo, non”, recalcou, “un cómplice do partido que rompe discos duros a martelazos, que fai campaña dopado con diñeiro negro, en definitiva, que prefire estar do lado de Raxoi e ser un xudas para Galiza”.

Ademais da condena por corrupción, o BNG considera que o presidente do PPdeG “non pode esquivar” o debate da conexión galega do caso Gürtel, un de cuxos cabecillas e ex secretario de Organización dos populares galegos, Pablo Crespo, declarou en 2013 que o 65% das campañas do PP en Galiza se financiaban con diñeiro negro. Ao que suma os 2.500 contratos asinados entre a Xunta e empresas da trama, como se recolle nun documentos validado  en sede xudicial por outra da figuras clave neste caso, o ex tesoureiro Luís Bárcenas.

“Reto a Feixóo a que senón ten anda que ocultar que compareza, que remita os 2.500 contratos coas empresas da Gürtel e que apoie que sexan auditados polo Consello de Contas”, subliñou Pontón.

Folga xeral contra a situación emerxencia

Na comparecencia posterior á Xunta de Portavoces, a dirixente do Bloque tamén avanzou outros asuntos que levará ao vindeiro pleno  no que dará “un debate intenso sobre a situación social e económica de Galiza”, que define de “emerxencia” e xustifica plenamente a folga xeral convocada pola CIG para o vindeiro 19 de xuño.

“É unha oportunidade para facer unha moción de censura nas rúas contra a corrupción, contra a involución democrática contra o machismo institucionalizado e contra o empobrecemento dos traballadores e traballadoras deste país, unha moción de censura nas rúas en defensa de institucións limpas, de recuperar os dereitos roubados, que avance en políticas feministas, pensións dignas e empregos decentes”, resumiu Pontón.

Axenda feminista galega

O Bloque tamén vai levar a debate dúas propostas para activar unha axenda feminista galega que recolla as demandas expresadas masivamente o 8M. A primeira propón unha Mesa interuniversitaria contra a violencia machista, “que evite que casos como o de Luciano Méndez podan repetirse e se traballe na prevención da violencia”, e unha reformar da Lei de igualdade para evitar situacións como o vivida por María de la Fuente, discriminada como investigadora por acollerse aos seus dereitos de conciliación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG