Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón: “No Debate faltou Galiza e sobrou testosterona, e deu novos motivos para votar BNG”

Acto Ferrol
Acto Ferrol

Pide sumar no BNG o voto de país e progresista. “Temos que facernos valer para salvar o emprego industrial e acabar co desprezo a Ferrolterra”

Rego anuncia que reclamará no Congreso a capacidade para decidir sobre o sector naval e apostar pola construción civil

A portavoz nacional, Ana Pontón, salientou desde Ferrol que o debate a cinco non fixo senón engadir razóns para votar BNG o 10N: Galiza non pasou de anécdota para as forzas estatais, mantense o “espectáculo” do bloqueo e asistimos ao branqueo do discurso da extrema dereita antigalega en horario de máxima audiencia.

“Faltou Galiza e sobrou testosterona, o debate deunos novos motivos para votar BNG, a única garantía de ter voz propia ante no Congreso e acabar coa discriminación das forzas estatais”, proclamou. Por iso, Pontón pediu “concentrar no Bloque todo o voto das persoas que queren que este país conte e, ademais, queren unha axenda social e de dereitos. Coa papeleta do BNG non teñen que renunciar a nada, poden telo todo”.

Acto FerrolFixo unha interpelación directa a Feixóo en relación aos pactos do PP cunha extrema dereita que propón a ilegalización da autonomía e do propio BNG.

“Unha extrema dereita que ten como obxectivo ilegalizar ao BNG con 40 anos de historia en defensa deste país, que propón ilegalizar a Xunta, o Parlamento galego e o Estatuto”, denunciou. “Feixóo ten que responder se está do lado da democracia e das institucións deste país, ou do lado dunha extrema dereita que pide suprimir o autogoberno e ilegalizar ao BNG por levar no ADN a defensa de Galiza”.

A líder nacionalista puxo Ferrol e a súa comarca como  “exemplo de manual” do agravio das forzas estatais, primeiro coas reconversións navais e agora cunha crise industrial que ameza miles de empregos nas empresas electrointensivas, “desde Ferrolterra á Mariña”.

“Temos que facernos valer, defender o noso e, nun escenario sen maiorías absolutas, os escanos do Bloque serán decisivos e imos usar esa forza para condicionar a política do Estado a favor deste país”, declarou. Avanzou que condicionará o apoio á conformación dun goberno a que haxa estatuto para as electrointensivas, a buscar solucións que salven ENDESA e para potenciar o sector naval, incluíndo a construción civil. Neste sentido, criticou as “visitas turísticas dos paracaidistas de Madrid”, como a última da ministra en funcións de Defensa, Margarita Robles.

“Ten Ferrol como visita obrigada en campaña, estivo nas eleccións do 28A cinco días antes da cita coas urnas, e volveu tamén cinco días antes da votación do 10N. Onte, ademais de darse un paseo e comer castañas, -ironizou-, volveu vendernos a construción dunhas fragatas que levan anos de retraso e que, no mellor dos casos, non empezarán a dar carga de traballo até 2022”.

Acto FerrolFiasco para o sector naval

Agora o PSOE e antes o PP, co fiasco de PEMEX, “que rematou con todos os amigos mexicanos do presidente da Xunta imputados e co ex ministro de Defensa do PP gardando no caixón o contrato das fragatas para favorecer os seus intereses particulares”, critico. “Así é como trata a Ferrol o bipartidismo PP-PSOE, con ninguneo e desprezo, ao que non tardou en apuntarse Podemos pactando os peores orzamentos para Galiza en vinte anos”.

O BNG é o voto útil nestas eleccións, defendeu o candidato pola Coruña, Néstor Rego porque Galiza "non pode continuar ausente, sen capacidade para decidir e denfenderse".  Fixo fincapé en que Ferrolterra coñece ben "cal é o resultado desta falta de capacidade política, nun sector que foi chave no desenvolvemento económico do País, a construción naval, desmantelado polas políticas nefastas de Bruxelas e do goberno español".

Fronte esta situación, o BNG é a forza que "dá a cara polos nosos sectores produtivos”.

Reindustrialización da comarca

Así, comprometeuse a defender en Madrid "políticas que pulen pola reindustrialización; que defendan os postos de traballo en ENDESA, Megasa, Alcoa ou R; reclamar a capacidade de Galiza de decidir sobre o naval para impulsar a construción civil e exixir os recursos necesarios para o saneamento das rías que son unha fonte de riqueza para o noso País".

Anunciou tamén que reclamará mellorar as conexións ferroviarias de Ferrol e a modernización da liña de FEVE, ademais de exixir a Defensa que cumpra pagando os impostos que corresponderen e derrubando dunha vez o muro que impide abrir a cidade ao mar.

Mellores salarios e pensións

A presenza do BNG no Congreso suporá unha "voz que aporte solucións á crise demográfica e migratoria, con 300.000 persoas emigradas na última década, entre elas 80.000 mozos e mozas ben formadas que non encontraron oportunidades laborais, medidas contra o desemprego e a precariedade que padecen millares de galeg@s".

Será, polo tanto, unha forza para loitar no Congreso "por mellores salarios, por mellores pensións, por mellores servizos, en definitiva por un presente e un futuro mellor para o noso pobo, para todas e todos nós".  Animou así a apostar o 10N polo voto para o BNG, para "tomar as rédeas do seu futuro nas propias mans e construír unha sociedade máis democrática, máis xusta, máis igualitaria e máis libre".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG